O RÍO DEZA, EN POZO DO BOI, NOS MESES DO VERÁN NON TEN CAUDAL SUFICIENTE PARA ABASTECER DE AUGA A LALIN E MANTER A SÚA BIODIVERSIDADE.

Share on facebook
Share on twitter

Para que esta afirmación, que aparece no título, resulte certa é necesario facer unha análise dos datos e estudios hidrolóxicos que coñemos deste río.
O río Deza desemboca no Ulla abaixo de Ponte Cira e nesta localidade hai unha vella estación de aforos que ten proporcionado importantes datos do seu caudal. Esa é única estación oficial de medición, que ten proporcionado datos de caudal desta conca fuvial, que mide, na estación de aforos, 551 Km2.
Pois ben, calquera traballo ou investigación de caracter hidrolóxico que queiramos realizar debe, necesariamente, ter en conta os datos que leva rexistrados durante 40 anos (1972-2015) o C.E.H. (Centro de Estudios Hidrográficos, do antigo Ministerio de Obras Públicas).
Outro traballo moi importante foi o do xeógrafo galego Javier Río Barja e F. Rodríguez Lestegás, quen publicaron un fenomenal libro titulado «Os ríos Galegos», en 1992. Este libro permite que poidamos comparar e contrastar os ríos galegos uns con outros.
Na actualidade a Xunta de Galicia controla varias estacións de aforos dos nosos ríos e así sucede co río Deza, na estación que ten istalada en Ponte Cira, desde finais do ano 2008.
Pozo do Boi é un importante sitio que se localiza no curso alto do río Deza a súa saída da Serra do Candán, á altura de varias aldeas da parroquia de Vilatuxe. Polas súas condicións é un espazo no que teñen lugar grandes procesos sedimentarios que deron lugar a formación de diversas terrazas fluviais fósiles, propias dun «cono torrencial» que sufriu, ao longo do tempo, diversas posicións. Na actualidade ese «cono torrencial» está en plena Praia Fluvial, razón pola que a zona de baño sofre continuos arrastres de area e pequenos cantos rolados.
En Pozo do Boi, lugar desgraciadamente elixido para captación da incomprensible cuarta traída de augas de Lalín (Cavirtas en Muiño da Pena, Ponte Nova, Pozo Negro) a superficie de conca abarcada é de 85,27 Km2 (medición propia), que representa o 15,4% da superficie total da conca do Deza. Este é un dato moi importante porque nos permite establecer cálculos proporcionais de caudal do río neste lugar, como estimación, bastante aproximada, do que pode ser o seu caudal real e do que non temos medicións en Pozo do Boi, nin na súas proximidades.
O concello de Lalin planea secuestrar unha parte importante do caudal deste río en Pozo do Boi, onde as estimacións de caudal durante a estación estival (xullo, agosto, setembro) van de escasas a moi escasas. Aquí é onde hai un forte choque no conflicto de intereses: por un lado a artificiosa necesidade de consumir tres veces máis auga do que é habitual en Lalín, sacando, para iso, auga do Deza en Pozo do Boi e, por outra, a situación de «estrés hidríco» que sufrirá o río na estiaxe ao non poder manter a súa actividade biolóxica nun nivel mínimo (provocará mortandades en varias especies acuáticas e unha gravísima afectación ao mexilón de río).
Para superar estes atrancos e problemas o concello de Lalin encargou un informe, manipulado a súa medida, a Augas de Galicia, denominado «Estudio de Viabilidad de Captación en el Río Deza para la Mejora del Sistema de Abastecimiento de Lalín» (decembro 2019) . Un dos aspectos falseados é o do caudal que ten río Deza en Pozo do Boi.
Vexamos. Segundo Augas de Galicia, o río Deza, en Pozo do Boi, ten un caudal medio anual de 3,701 metros cúbicos por segundo, mentres que para Río Barja ese caudal sería de 2,86 metros cúbicos por segundo e para o C.E.H. o caudal estaría en 2,477 metros cúbicos por segundo. Unhas grandes diferencias que, en conxunto, dan lugar a resultados moi contrastados e nos que se aprecia que os datos da Xunta están inflados.
Outras diferencias podemos aprecialas no caudal medio mínimo anual que, neste río, ten lugar no mes de agosto. Para Augas de Galicia o caudal medio en agosto, en Pozo do Boi, serían 555 litros por segundo, mentres que os datos de Rio Barja indican que o seu caudal medio en agosto estaría en 323 litros/segundo e con datos do C.E.H. o caudal sería 381 litros/segundo, algo superior ao de Río Barja. Outra vez máis os datos de Augas Galicia aparecen notablemente inflados e moi por encima dos proporcionados por Río Barja e o C.E.H.
Outro aspecto de gran importancia, que se deduce da serie de datos do C.E.H., son as variacións do caudal medio mensual do mes de agosto entre 1972-2015, unhas variacións á baixa bastante superiores aos datos estimados, non reais, de Augas Galicia. Así, no ano 1991 o caudal medio do río Deza en Ponte Cira foi de 0,982 metros cúbicos por segundo, polo que, en proporción, lle correspondería, en Pozo do Bo,i un caudal medio de 137 litros por segundo. Este valor está bastante por encima dos cálculos teóricos de Augas Galicia que estima mínimos de sequía no mes de agosto por períodos de retorno de 4, 10, 20 e 100 anos. Así:
– Cada 4 anos o caudal podería ser de 385 litros por segundo
– Cada 10 anos o caudal podería ser de 285 litros por segundo
– Cada 20 anos o caudal podería ser de 235 litros por segundo
– Cada 100 anos o caudal podería ser de 154 litros por segundo
En conclusión, unha vez analizadas estas comparativas, vese claramente que Augas Galicia, intencionadamente ou non, emprega datos que están moi por encima dos valores reais de medición empregados polos investigadores Río Barja e Rodriguez Lestegás, así como pola serie de datos de medición oficial do antigo Ministerio de Obras Públicas, posteriormente Ministerio de Fomento, unha longa serie de datos que abarca máis de 40 anos.

Antonio Presas
Xeógrafo e Mestre

Sobre Lalín.net

lalin.net está dirigido por el editor de la página de Facebook homónimo, cuenta con secciones de Medioambiente, Cultura y Sociedad, Actualidad Local, Comarca, Deportes y OPINIÓN. Además de apartados divulgativos y de denuncia ciudadana. 

Podcast - Lalín e arredores

últimas entradas