José Otero Abeledo (Laxeiro)

Share on facebook
Share on twitter

José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, nace en 1908 na parroquia lalinense de Donramiro. Os seus primeiros anos discorren no seo dunha familia de sete irmáns e nun contexto rural galego. Aos oito anos xa amosaba unha gran facilidade para a fabulación e debuxo, provocada polas historias que a súa avoa materna lle contaba polas noites. A súa familia emigra pronto a Cuba, onde o seu mestre Moreiras marca a súa vocación artística e o interese pola vida cultural da Habana. Na capital cubana traballa de día e asiste de noite a clases de debuxo. Ademais, é axudante de escenografía no Teatro Martí de La Habana, co mestre catalán Manuel Roy.

 

Volve adolescente para Lalín, onde reparte o seu tempo entre a pintura e a profesión de barbeiro, coa que percorre as feiras e vive escenas que logo reflectirá nos seus debuxos. Nace así o gran retratista que analiza con precisión a tipoloxía do campesiñado galego. Grazas a diversas axudas públicas, Laxeiro pode formarse e viaxar a Madrid, onde comeza a frecuentar faladoiros e compartir xuntanzas de intelectuais galegos como Vicente Risco, Castelao, Suárez Picallo ou Otero Pedrayo. Cando volta a Galicia, é xa un pintor consolidado. Casa con Luisa Villamarín e, froito da relación, nace Mari Cruz Otero. Frecuenta os cenáculos artísticos de Compostela como xa fixera antes da súa estadía madrileña. Despois dunha breve tempada na capital provincial, fixa a súa residencia en Vigo, que, xunto con Lalín, foi o seu domicilio recorrente.

 

É un dos máis claros representantes da «vangarda histórica galega», un grupo de renovadores que sitúan Galicia no mapa mundial da plástica. O seu perfil artístico pode definirse coma “un fabulador plástico”, botando man dunha das terminoloxías que se teñen empregado para definir a súa obra. En canto ás súas influencias, Laxeiro bebe do Románico e do Barroco galego, do Picasso neoclásico, do expresionismo europeo ou do Goya máis negro. Era un grab debuxante e ten deixado centos de traballos espallados polo mundo, moitos en panos de mesa, manteis ou cuartillas. Nos primeiros anos foi considerado un escultor da pintura, por tomar inspiración na escultura en pedra de Galicia. Negros e ocres, e lenzos con escaso aire, saturados a maioría das veces, danlle continuidade ao seu traballo, ata chegar á época máis influenciada por Goya. Eran os tempos en que tomaban protagonismo as escenas tradicionais, como ritos ou celebracións.

 

Nos anos 50, Laxeiro viaxa cara a Bos Aires e permanece alí 20 anos. Na súa estadía, influénciase polos artistas europeos do momento, predominando un expresionismo un tanto irreal. A súa pintura comeza a ser máis sinxela e menos cargada, mais sen conceder aínda grandes espazos baleiros ao lenzo. As cores van perdendo ese tenebrismo que define a súa etapa anterior para ser cada vez máis luminosos. Nesta época, o artista leva unha vida moi activa, constituíndo a súa madurez e profesionalización. Participa en numerosas exposicións e conferencias, ademais de integrarse nos círculos arxentinos, chegando a ser escollido vicepresidente da Sociedade Arxentina de Artistas Plásticos.

 

Cando volta a España en 1972, Laxeiro vive entre Madrid, Lalín e Vigo. Son tres lugares onde o pintor pasa longas estadías que vai alternando sen fin, situándose á cabeza do coñecido como movemento Atlántica. Os 80 e os 90 son anos de especial recoñecemento en vida da súa obra: organízanse máis de medio cento de mostras individuais, Vigo dedícalle un museo, recibe a Medalla de Lalín, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, a Medalla de Ouro do Concello de Vigo e a Medalla Curros Enríquez, e institúese a Bienal Laxeiro de Lalín. Laxeiro morre en Vigo o 21 de xullo de 1996. En 1970 fíxose na Art Gallery International de Buenos Aires unha gran mostra retrospectiva da súa obra. Por outra banda, en 1983, o Concello de Vigo dedicoulle a Casa Museo Laxeiro e en 1985 a Bienal de Arte de Pontevedra dedícalle a súa sección antolóxica como homenaxe. En 1977, Laxeiro foi nomeado Fillo Predilecto de Lalín polo alcalde Luis González Taboada. Ademais, este concello tamén lle puso o nome de Laxeiro a unha das súas rúas e a un instituto de educación secundaria.

 

A obra de Laxeiro, decisiva para a difusión da arte galega no século XX, desenvolveuse entre a tradición e a innovación, caracterizándose polo seu expresionismo. As formas “laxeirianas” dos seus cadros inspiráronse en expresións artísticas moi diversas, que van dende Goya ata Picasso. Xunto con Maside, Seoane, Souto e Colmeiro formou parte do denominado Movemento dos Renovadores, que tratou de abrir a pintura galega á modernidade a través da renovación da linguaxe. Ao longo da súa vida, o pintor conseguiu unha grande aprobación, tanto pola súa obra como pola súa personalidade, sendo o máis universal e popular artista galego do século XX.

 

Ano Laxeiro

 

A Real Academia Galega das Artes (RAGBA) acordou homenaxear ao longo de 2022 e, en especial, o Día das Artes Galegas (Celebrado o 1 de abril) ao artista José Otero Abeledo (Laxeiro). A proposta foi subscrita por académicos e académicas e diversos colectivos culturais de Galicia, ademais de profesionais da cultura de dentro e fóra da comunidade. Con este recoñecemento, a RAGBA quere profundizar a figura de Laxeiro, cuxa obra estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo. A Fundación Laxeiro, formada para conservar e difundir a colección que o pintor doou á cidade de Vigo, agradece esta iniciativa confirmando a vixencia da obra dun artista fundamental para a entrada do arte galego na contemporaneidade.

 

Deste xeito, o Goberno autonómico está en proceso de impulsar en 2022 a programación do Ano Laxeiro, coincidindo coa homenaxe que lle rendirá ao pintor a RAGBA. Así, a Xunta implicouse para ofrecerlle aínda máis protagonismo. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Lalín, José Crespo; e o presidente da mencionada academia, Manuel Quintana, detallaron os eventos que terán como protagonista a este pintor lalinense. Esta programación contribuirá a alimentar a proxección internacional do artista.

 

Unha das actividades con maior protagonismo será a exposición sobre a etapa creadora en Arxentina de Laxeiro: “Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970)”. A mostra, comisariada por Carlos Bernárdez, percorrerá as case dúas décadas de estadía do pintor en Bos Aires e estará presente en Madrid, Lalín, Santiago de Compostela e París. Ademais, o Ano Laxeiro contará con outras iniciativas que se abrirán coa creación en xaneiro cun espazo dixital propio na páxina web cultura.gal, que permitirá achegarse á figura do pintor e ser un punto de divulgación dos actos conmemorativos do 2022.

Sobre Lalín.net

lalin.net está dirigido por el editor de la página de Facebook homónimo, cuenta con secciones de Medioambiente, Cultura y Sociedad, Actualidad Local, Comarca, Deportes y OPINIÓN. Además de apartados divulgativos y de denuncia ciudadana. 

Podcast - Lalín e arredores

últimas entradas