-
lalin.net o teu portal de información
OPINIÓN
VISITA GUIADA ÁS OBRAS REALIZADAS NA CONTORNA DA IGREXA DE LALIN DE ARRIBA
Fecha 06/12/2021Por Antonio Presas
O venres 3 decembro 2021 tivo lugar unha visita guiada ás obras de rehabilitación efectuadas na contorna da igrexa de Lalín de Arriba.
Pois ben, debemos agradecer a información pública que se fixo desas obras en todo momento, especialmente no aspecto arqueolóxico, por causa da aparición dunhas 53 sepulturas, que se poden remontar a comezos do século XVI, no lado Leste (cabeceira) e Sur (entrada lateral).
No acto público do venres participaron persoas con gran coñecemento en urbanismo, arqueoloxía e historia. As súas explicacións foron simples e claras, pero de forma prevista ou imprevista, tamén participou un veciño da zona, quen manifestou certas discrepancias respecto das actuacións realizadas.
Como a prensa, incomprensiblemente, non recolleu ningunha información ao respecto e, para que non haxa malos entendidos, quero aclarar o que observei (é a miña observación persoal, que pode ser discutible). O veciño referiuse ao seguinte:
1- Sorprendeulle bastante que o concello de Lalín solicitara permiso ao bispado lucense para usar a igrexa, como local publico, para as explicacións dadas no acto (visita guiada) e non aos veciños, quen foron os que sempre se preocuparon por esta igrexa. Manifestou que ata hai ben poucos anos o bispado non mirou por esta igrexa, pero agora considéranse os propietarios da mesma sen saber moi ben porque sucede iso. E máis, aínda, no pasado (comezos século XX), cando se contruiu a igrexa de Lalín se non fora polos veciños de Lalin de Arriba desfariase a igrexa románica, eles tiveron que o impedir e alí non estaba o bispado pra defendelos. Engadiu que sempre que había que facer algo na igrexa (obras, traballos, limpeza, pintados …) iso sempre o estiveron a realizar os veciños.
2- Nas obras que se acaban de facer por parte do concello, pensouse máis nos de fóra que nos que viven aquí. Realmente realizouse unha gran obra que puido quedar moito mellor se se tiveran en conta certos detalles. Por exemplo:
2.1- Á entrada, pasada a circunvalación, hai unha casa que dá pena, parece unha chabola. Unha casa que desmellora o conxunto tan ben executado. Esa casa está en mal estado e non se fixo nada por arranxala. Non ten, nin tan siquera chimenea, e, agora, no inverno o fume sae por entre as tellas.
2.2- A fonte fonte-lavadeiro que está ao lado do Cruceiro, aínda que restaurada, non debería quedar así, porque unha fonte sen auga non vale para nada e esa sempre foi unha zona con auga.
2.3- Para facer as obras houbo que levantar o firme existente e rebaixar o trazado do camiño, ese era o momento adecuado para cambiar a rede de abastecemento, que se deixou a vella e non se aproveitou a ocasión para poñer unha nova. Foi unha oportunidade perdida e agora cando se queira facer será moito máis complicado e costoso.
3- Estas obras quedan moi ben e dan unha boa imaxe de Lalín para os que cheguen á Vila, pero os veciños non reciben ese proveito. Isto foi, máis ou menos, o que dixo publicamente o veciño e así queda contado (versión persoal).
¡Bravo polo veciño que tan educada e correctamente dixo todo isto!. Oxalá haxa moitos máis veciños así. Foi un placer e un exemplo escoitalo.