-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
U-la nova web do concello que xa foi pagada en agosto?
Fecha 24/03/2021
Esta é unha das cuestións que dende hai semanas denuncia Compromiso por Lalín e que polo de agora parece non ter resposta.
A formación advirte que é a segunda vez que pregunta pola situación da web oficial do Concello financiada con fondos europeos EDUSI, “da que non consta a súa existencia”.
Explican que logo de preguntar por este asunto semanas atrás, Compromiso por Lalín, ven de saber que dita web xa “foi aboada en agosto de 2020, e que presuntamente non existe” aínda.
“Non queremos vernos obrigados a pedir informes a este respecto porque nós, ao contrario do que fixo a oposición de Crespo Iglesias, non queremos abrir unha guerra e chegar ata extremos que rompan as relacións no Concello con denuncias, a pesar de que agora hai menos persoas nas cloacas dispostas a facerlle o traballo sucio a Crespo”.
Para Compromiso o pago dun servizo do que non consta a súa existencia, “é cando menos unha grave irregularidade por parte do goberno”, e esíxenlle por estes feitos unha resposta clara “porque do contrario o goberno de Crespo estaría ante unha complicada situación á hora de xustificar o probablemente inxustificable” advirten.