-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Reaccións de rexeite a unha «entrevista» co técnico municipal de medioambiente
Fecha 15/06/2021
A recente entrevista en Radio Voz Lalín a José Manuel Méndez, técnico municipal de medioambiente do Concello de Lalín, sobre a polémica actuación de movemento de materiais inertes no cauce do Deza para a posta en servizo da área de ocio de Pozo do Boi, deixa entrever a falta de argumentos técnicos con respecto ás obras da praia fluvial de Vilatuxe… ao converterse nunha simple tribuna para o ataque persoal a un xeógrafo de recoñecido prestixio e traxectoria: Antonio Presas. A entrevista radiofónica, “peculiar” en forma, fondo e tono (por parte dos seus protagonistas) amosa a falta de profesionalidade ao ser substituídos os argumentos polas «brabuconadas», a ameaza, o «chascarrillo» e unha actitude extrapunitiva e chea de opinións, xuízos de valor… para evitar recoñecer responsabilidades persoais. Así o valoran representantes de colectivos ambientalistas e organizacións políticas consultadas por lalin.net.
O 11 de xuño pecháronse as comportas da praia fluvial de Vilatuxe, quedando este espazo aberto para o baño. O Concello de Lalín asegurou que se solicitou permiso para achaiar a zona do baño dos nenos na praia fluvial, sendo estes procedementos supervisados polo técnico de medioambiente e autorizados pola Xunta. Na entrevista a José Manuel Méndez, a entrevistadora deixoulle caer que o peche das comportas na praia fluvial do Pozo do Boi nunca suscitaron tanta polémica. Así, preguntoulle se o Concello de Lalín tiña todas as autorizacións pertinentes para realizar a obra. O técnico contestou que o Concello tiña todos os permisos e ségueos tendo, xa que “cando se quere facer un acto consúltase como hai que facer, mídese o procedemento e faise”. A continuación, engadiu que, cando se leva a cabo, aparece “un listillo dos que temos aquí en Lalín, que hai bastantes”, e por unha foto comeza a criticar o que se fai: “Colle un libro de xeografía básica de 3º de EGB e comeza a poñelo nas redes sociais”, expresou o técnico municipal de medioambiente.
Ao longo da entrevista, o técnico criticou ao xeógrafo lalinense Antonio Presas, un profesional reputado que non quixo dar resposta hoxe ao “cúmulo de ataques de tipo persoal” que, a entender doutros representantes do sector ambiental, como o editor deste portal e Presidente da Asociación Galicia Ambiental, “parece máis froito dunha frustración pesoal ou incapacidade para dar respostas técnicas cualificadas, máis que unha argumentación lúcida dun funcionario”. Para Benito García “Presas é hoxe o xeógrafo con mellor e maior coñecemento do ecosistema e dinámicas fluviais do Deza. Os seus recentes posicionamentos están poñendo en evidencia a ausencia dun departamento técnico de medioambiente municipal cualificado en cuestións como as obras en Pozo do Boi, a falta de xestión de vertidos municipais ou a ausencia de intervención técnica nas implantacións eólicas”.
A ENTREVISTA
A entrevistadora comentoulle a Méndez que, cando se procede a achaiar esa zona de baño dos cativos, non se pode actuar nesa localización se non se conta con todos os permisos. O técnico contestou que “claro que se pode actuar nesa zona”. Engadiu que o que falan nas redes sociais “os entendidos que saben moito de xeografía” é que iso é un torrente natural, pero a piscina de Vilatuxe é unha obra feita polo home, establecida nun espazo natural pero que pertence ao Concello de Lalín: “Entón, cando se quere bañar a xente hai que poñerlle unhas comportas por diante, facer limpeza… e iso está permitido”. Con todo, engadiu sen fundamento que “hai algunha persoa que está decepcionada porque non foi concelleiro, entón ten a ocasión de dicirllo á oposición”. En palabras do técnico, esta persoa “fai unha obra ao seu gusto e convértese no alcalde, unicamente lle fai falta o soldo”.
As constantes críticas destrutivas, persoais e ameazantes a Antonio Presas evidencian a falta de argumentos técnicos de Méndez, que seguiu resaltando a previa consulta e solicitude de permisos para a actuación. Con todo, a entrevistadora comentou que a oposición destacaba o incumprimento da normativa de protección. Compromiso por Lalín, PSOE e BNG denunciaron unha actuación irregular na praia fluvial, pedindo ao Goberno as preceptivas autorizacións autonómicas. Ante isto, o técnico respondeu co mesmo argumento: “Sabes cal foi o erro? Non chamar a ese entendido para que viñera a facer el as obras”. Méndez explicou que a lei non di “chamen aos entendidos do pobo”, di que se transmita unha declaración responsable ante Augas de Galicia, tal e como se fixo ao tratarse de obras menores.
Malia que a apertura da praia fluvial ten lugar todos os anos, as polémicas son inusuáis con respecto a outros veráns. Méndez xustificou esta situación cun simple “á xente férvelle o sangue”. Explicou que agora se pide polas redes sociais que se lle amose un expediente a un “tipo” dunha aldea de Lalín: “Isto é unha cousa que nunca vira, a de cambiar a maneira de funcionar”. O técnico expresou o seu descontento ao ter que “estar toda a fin de semana mandando escritos tendo que desmentir o que outros mentían”. De feito, advertiu a posibilidade de que este caso rematase no xulgado: “Non se pode falar así gratuitamente. Isto fálase nunha taberna e non ten máis transcendencia que entre o taberneiro e o que está doutro lado da barra. Pero cando é nas redes sociais, existe unha responsabilidade penal”.
REACCIÓNS
Nun tono impropio e máis acaído a un político de baixa formación que a un técnico que chegou a ser unha figura con responsabilidades do colectivo galego de educación ambiental, o técnico municipal de medio ambiente rematou ameazando reiteradamente con accións legais… pero se aportar argumento algún que clarexase ou desmentise ao citado xeógrafo. Porén, resulta irónico ver como todos os seus argumentos carecen de obxectividade e evidencias técnicas.
A preguntas de lalin.net, o biólogo lalinense Martiño Nercellas subliñou que “as declaracións do técnico de medio ambiente son impropias dun profesional nese ámbito, e merecen ser reprobadas, tanto por resultar irrespectuosas coma por faltar ao rigor técnico no modo de entender o que é a dinámica dun río e como deben ser tratados”. Para Nercellas “Antonio Presas é moi respectado como xeógrafo, e concretamente en temas fluviais, polos principais académicos galegos, sendo o maior estudoso do sistema fluvial do Deza que hai, sobre o que centrou tres décadas de estudos para a súa Tese Doutoral. A súa opinión non está ao mesmo nivel que a que poidamos dar a maioría, isto non é fútbol, neste caso é unha voz autorizada e colexiada. Tratalo de «listillo de turno», e reducir o tema a unha insignificancia que figuraría nos libros de texto de cativos é unha sobrada e pon en corentena a valía e coñecemento de quen o di”.
O biólogo lalinense afirmou que “indo ao que alí se fixo, unha cousa son traballos de mellora e conservación rutinarios de cada temporada, para poder gozar da praia nas mellores condicións, mediante actuacións brandas que pouco ou nada teñen que cuestionarse e outra é o que alí se fixo finalmente coas gravas e areas que sedimentan alí. Non se poden eliminar abruptamente cunha pelexadora e chantalos noutros lados do río.
A actuación é absurda e innecesaria. Primeiramente enlamará a zona de baño, aumentando a turbidez, e acumulará máis sedimentos cara a represa e acabará lavando augas abaixo. As autorizacións para as actuacións de mantemento e conservación de cauces están expresamente condicionadas a non realizar intervencións con maquinaria pesada que supoñan movementos de terras sobre o leito do río. E así figura nas Declaracións Responsables, polo que haberá que ver en que términos exactos Augas de Galicia valorou esa parte da actuación, pois de validala estaría actuando neglixentemente. Un non pode escudarse que estamos nunha praia fluvial, e que polo tanto cabe calquera actuación polo ben da praia, pois o Pozo do Boi, antes que praia atópase nunha zona que funciona coma cono torrencial dentro do río, e esa condición non podemos obviala. Precisamente eses depósitos axudan a manter a transparencia da auga e evitar un exceso de limos e turbidez sobre o leito, é a mellor maneira de poder gozar dese treito como praia é respectar a súa natureza e comprender e adaptarse a súa dinámica fluvial. Do contrario favoreceremos un deterioro progresivo e acumulativo da propia praia, en detrimento do que hoxe é un espazo natural de ocio e recreo de alta calidade. Debe tomarse nota do acontecido e cara o futuro, sabendo que non houbo intencionalidade algunha de danar o espazo e cun propósito de melloralo, amosar unha maior sensibilidade e criterio”.
Javier Cuiña, autor de «Biodiversidade do Deza» rexeitou as críticas do técnico, subliñando que «as publicacións de Antonio Presas non fixeron máis que poñer en coñecemento unha actuación a todas luces innecesaria, para gañar un pequeno espazo de zona de baño na praia fluvial, que alterou a xeomorfoloxía do río. Recordemos que por moita praia fluvial que se publicite, estamos ante un espazo natural, non ante unha piscina. A zona sedimentada de pequenos cantos rolados e grava non facían máis ca conter de xeito natural os sedimentos do río axudando a manter a calidade das augas, tanto na propia praia coma na continuidade do leito. Aínda sendo ou non legal, a actuación non deixa de ser reprobable dende o punto de vista ambiental, así coma polo suposto beneficio que se pretendía acadar coa mesma».
Para o ambientalista lalinense, «Antonio Presas está máis autorizado ca moitos para opinar e obxectar sobre a actuación á que nos referimos, tanto pola súa experiencia como polos seus coñecementos. En calquera caso pode ser rebatida, puntualizada ou aclarada, pero sempre dende o respecto e a responsabilidade que se lle presupón a un funcionario público cara os seus veciños. As prepotentes declaracións do técnico de medio ambiente, ao que nos gustaría escoitar facendo declaracións ante os innumerables atentados ambientais que se comenten no noso Concello, non fan máis que retratalo e deixalo en absoluta evidencia. A profesionalidade perde toda credibilidade cando se viste de prepotencia».
REACCIÓN DOS PARTIDOS POLÍTICOS
Os socialistas de Lalín esixen, en nota de prensa, unha resposta urxente e a desautorización pública do alcalde, José Crespo, ante o que cualificaron como «incendiarias declaracións nun medio local (Radio Voz Lalín) do técnico municipal de Medio Ambiente a raíz da sospeitosa actuación do Concello na praia fluvial de Pozo do Boi, onde se actuou no cauce do río con maquinaria pesada para eliminar un depósito natural de sedimentos. O Grupo Municipal Socialista manifesta o seu estupor ante as mencionadas declaracións dun funcionario público que se debe ao pobo e pide que se leven a cabo as accións pertinentes por parte do Goberno Local. Ao mesmo tempo, os socialistas solicitarán un informe do Secretario que ditamine se as declaracións realizadas se axustan ás competencias do funcionario e non descartan solicitar que se abra un expediente». Segundo o PSOE local «dito funcionario nesa entrevista ataca a veciños e veciñas de Lalín con descualificacións e insultos e critica aos Grupos Municipais da oposición por facer a súa labor de fiscalización. “As declaracións son de tal gravidade que o alcalde debe actuar de inmediato e poñer orde nun Concello que é un auténtico desastre de xestión”.
Ao fío desta cuestión os socialistas de Lalín lembran que o concelleiro de Medio Ambiente, César Reboredo, aínda non mostrou as autorizacións pertinentes de Augas de Galicia para acometer as actuacións con maquinaria pesada en Pozo do Boi. “Pasaron case dúas semanas e seguimos sen ter coñecemento dos permisos polos que Augas de Galicia permitiu estas obras”. “O goberno deunos acceso ao expediente para dentro dun mes. Que teñen que ocultar? Se todo se desenvolveu baixo a legalidade por que non nos dan acceso inmediato?, pregunta o PSOE. Neste sentido lembran que unha declaración responsable ou autorización previa en ningún caso permite actuacións e movementos de terra no interior do río.
Só 24 horas despois o PSOE local pedía formalmente que a alcaldía “ordene a incoación dun expediente disciplinario sen prexuízo de que poida acordarse previamente a realización dunha información reservada”. Na exposición, e logo de recordar os feitos que foron xa informados por lalin.net, denuncia que a entrevista “foi utilizada polo citado funcionario para un ataque persoal furibundo e inexplicable contra dun cidadán, con insultos e descualificacións persoais absolutamente inadmisibles e impropias dun servidor público que estaba intervindo en horario de traballo (queremos supoñer que con autorización dos seus superiores) nun medio informativo para falar dun tema público municipal no que ten intervención o seu departamento”. Logo de salientar a valía profesional e persoal de Antonio Presas, o PSOE salienta que “Na actuación deste funcionario público estaríanse a incumprir principios éticos e principios de conducta previstos no Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, e trataríase presuntamente dunha grave falta de consideración cos administrados tipificada no Decreto que regula o Réxime Disciplinario do Persoal Funcionario de Galicia (Decreto 94/1991, de 20 marzo), e demais lexislación de aplicación. E se por todo o anterior non fose bastante, utilizou a parte final da entrevista para lanzar ataques a “políticos da zona” absolutamente improcedentes e inadmisibles nun funcionario público”.
Rafael Cuiña de CxL, afirmou hoxe a petición de lalin.net que as declaracións son “desafortunadas, que se mete en cuestións políticas cando (penso) él só debería dar a súa opinión técnica da cuestión”. Compromiso pediu toda a documentación do alí acontecido”. Cuiña salientou que «quere manifestar o máximo respecto e apoio a Antonio Presas porque creemos que nesa entrevista, de algún xeito estase case ameazando por dar unha opinión que penso que é versada e autorizada…”
Francisco Vilariño do BNG salientou que “é intolerable que un funcionario exerza de político e valore e realice opinións nunha radio sobre un veciño, xa que a súa función é a de ser un servidor público da institución e non do PP. No vindeiro pleno pediremos explicacións ao goberno sobre este tema para saber que medidas se van tomar ao respecto.”