-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Pontón en Lalín: é estratéxico incorporar ao rural á recuperación e propón investir 1.250 M€ con fondos Next Generation
Fecha 18/03/2021O BNG elixiu Lalín para presentar os seus proxectos para o medio rural financiables con cargo aos fondos europeos de recuperación, Next Generation, recollidos no Plan para un rural vivo e con futuro co que propón mobilizar un investimento de 1.250 M€ para a revitalización do medio rural, actuando en catro ámbitos: produción agroalimentaria, distribución e comercialización dos produtos do sector primario, diversificación económica e servizos públicos de calidade.
O obxectivo deste plan, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, é “garantir un rural vivo no económico e no social, sustentable no ambiental e con servizos públicos de calidade á altura do século XXI e sen discriminar aos galegos as galegos polo lugar de residencia”. Indicou que para saír da crise “é imprescindible incorporar ao rural como parte estratéxica da Galiza do futuro, que debe avanzar á mesma velocidade que o conxunto do País, porque a cohesión territorial é clave”.
O Plan para un rural vivo e con futuro aposta por un medio rural como espazo para vivir e traballar en igualdade de condicións que en calquera cidade e recoller actuacións no ámbito da produción, comercialización e dos servizos públicos.
Unha das leccións da pandemia, explicou Pontón, “foi a importancia do rural como gran despensa capaz de abastecer de produtos frescos e elaborados de excelente calidade, polo que o proxecto do BNG, recolle medidas para potenciar a produción de calidade e sustentable”. Entre elas, unha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido.
“Somos unha potencia en produción de leite, temos que ser tamén unha potencia na transformación do leite en produtos con valor engadido”, argumentou. Neste ámbito, tamén medidas como un impulsar a agroecoloxía e a produción hortifrutícola, para fomentar a gandeira extensiva de produción de carne e para recuperar terras agrarias, tanto forestadas como abandonadas: 100.000 hectáreas na próxima década.
No ámbito da distribución e comercialización de produtos agrarios, as medidas con cargo aos fondos europeos apostan pola posta en marcha de centros comarcais de envasado e etiquetaxe pensados parar facilitar aos pequenos e medianos produtores a venda da súa produción, así como polo produto quilómetro cero.
“Promover o consumo de produtos de quilómetro cero desde as Administracións Públicas, co obxectivo de que sexan produtos de proximidade os que se compren e consuman en entidades públicas, residencias, hospitais, universidades, centros educativos, escolas infantís, edificios administrativos. Con isto, ademais de apoiar ao produtor local, redúcese o impacto ambiental”, explicou Pontón.
Venta online de produtos agrogandeiros
E tamén no ámbito da comercialización, o Bloque propón unha plataforma público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego, para a comercialización de produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira, unha canle para competir online coas grandes plataformas e que tamén daría servizo a outros sectores como o do pequeno comercio.
Para o BNG os fondos europeos son tamén unha oportunidade para diversificar actividades económicas no rural, “porque non queremos quedarnos na visión reducionista de identificar a Galiza rural unicamente coa produción vinculada ao sector primario”, argumentou. Aposta por actividades económicas noutros ámbitos, como o industrial, -ligado á transformación da materia prima-, a construción e rehabilitación, a economía derivada do sector forestal, ou actividade económica vinculada ao sector cultural, patrimonio, turístico de enorme potencial.
Renda de acompañamento
Finalmente, os servizos públicos de calidade como elemento clave para fixar poboación e revitalizar o rural, tanto na sanidade, na educación, nos servizo sociais e tecnolóxicos, pasando pola dixitalización e as comunicacións.
“Son imprescindibles se queremos que a Galiza rural e do interior sexa un lugar atractivo para vivir e traballar”, recalcou. E precisamente en aras desa revitalización, propón unha renda de acompañamento dirixida a xente moza, – para fomentar o relevo xeracional-, e ás mulleres emprendedoras. Unha axuda para garantir a viabilidade dos proxectos durante a fase inicial e durante un período máximo de tres anos.
Na presentación en pleno corazón da comarca do Deza tamén participou a deputada Montse Prado e o portavoz municipal en Lalín, Francisco Villarino.
Fonte: Nota de prensa BNG