-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Os socialistas instan á Xunta a subir o módulo que abona polo Servizo de Axuda no Fogar
Fecha 02/03/2021
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE ven de presentar a súa solicitude de moción para que o concello de Lalín inste á Xunta a mellorar a súa contribución para levar a cabo o Servizo de Axuda no Fogar, SAF. Explica o portavoz socialista, Román Santalla, que o SAF estáse a converter “nunha pesada carga” non só para Lalín senón para todos os concellos de Galicia, e lembran que é competencia autonómica e está recollida expresamente no Estatuto de Autonomía de Galicia.
O partido socialista pide amais que a Xunta utilice a financiación extra que acaba de recibir do Estado para “publicar canto antes no DOG a orde da Consellería de Política Social para actualizar o módulo do Servizo de Axuda no Fogar” que a Xunta paga aos concellos. Piden que polo menos chegue aos 12 euros por hora, e que se comprometa a seguir acutalizándoo durante os dous próximos anos ata chegar así ao 100% do custe real do servizo.
Santalla demanda tamén “liderar e facer posible un gran pacto con todas as forzas políticas, para manter o futuro sistema de prestación do SAF” cofinanciado pola Xunta dun xeito xusto e equilibrado.
O SAF en Lalín
Dende a formación socialista, lembran que a Xunta abona, en virtude de convenio, 9,70 euros por hora de atención do Servizo de Axuda no Fogar aos concellos. Sen embargo, o prezo real do servizo en Lalín é de 16,54€/hora a dependencia ordinaria e de 20,49€/hora en domingo ou festivo, coas subidas anuais que correspondan, mentras o módulo que paga a administración acutonómica leva conxelado dende o 2016. Esta situación fai que o concello se fixera cargo, dende xaneiro do ano pasado, da subida do Salario Mínimo Interprofesional, e que na actualidade, o concello, debe “cargar co impacto que supón a pandemia, que incrementou nunha porcentaxe importante o número de solicitantes de SAF”. Isto é, a máis horas precísase máis persoal e directamente “os gastos municipais dispáranse”.