-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Os socialistas acusan a Fernández Lamela de ter paralizadas as axudas aos sectores afectados pola pandemia
Fecha 16/02/2021
“Mesquiñas e fóra de lugar” así califican os socialistas de Lalín as últimas declaracións da concelleira Fernández Lamela con respecto das axudas da Deputación ao comercio e a outros sectores afectados pola pandemia.
Explican os socialistas que “nun momento no que todos temos que estar empurrando para que as axudas cheguen a todos os sectores e familias que o están pasando mal por culpa de peches que en Galicia se estenden máis que noutros lugares, á concelleira, impulsada por Crespo, non se lle ocorre nada mellor que saír en prensa insultando ao PSOE de Lalín e á Deputación de Pontevedra”. Recrimínanlle amais, que non están a axilizar as axudas municipais comprometidas e que “a estas alturas non se sabe absolutamente nada”, unas axudas que son moi necesarias para uns sectores “que rozan a ruína e que ten totalmente abandonados”. Ao respecto, o PSOE Lalín considera que os fondos destinados para estas “a duras pensas chegano ao 1% para a hostalaría e ao 1% para comercio”, unha cantidade insuficiente para a recuperación destes sectores.
Consideran que a hostalaría de Lalín “polo seu nivel, polo seu recoñecemento, así como polo seu peso na economía lalinense merece máis apoio por parte do Concello que o 1%”.
Ademais, os socialistas pídenlle a Crespo e Lamela que expliquen onde están os fondos que lle pertenece a Lalín dos 800 millóns de euros vidos de Madrid e dos que a Xunta de Galicia é a responsable. Así mesmo pídenlle que tamén lle reclamen á Xunta de Galicia o 2,5% do orzamento para axudas, que neste caso serían uns 300 millóns de euros e non os 50 que ten previsto destinar.
O PSOE de Lalín tamén lembra que o goberno do PP se negou no pleno, amais de non rebaixar as taxas e impostos aos establecementos, a destinar o máximo permitido do Plan de Concellos a “un plan de rescate aos sectores afectados cando esta é a máxima prioridade nestes momentos”.