-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
O Xacobeo 2021-2022 fracasa nas rutas que pasan por Lalín
Fecha 18/07/2022
Como cada 25 de xullo que cae en domingo, o 2021 acolleu o Ano Santo Compostelán na capital de Galicia, pero cunha peculiaridade: duraría dous anos de forma excepcional debido á pandemia. Neste sentido, o 2022 tamén forma parte do Xacobeo, un dos acontecementos de maior proxección internacional da comunidade galega. Durante todo o 2021, un total de 178.912 peregrinos acoderon á Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, unha cifra máis baixa que o Ano Santo anterior (2010), 272.135. Porén, debido en parte á volta á normalidade en canto á crise sanitaria, os datos do primeiro semestre deste 2022 reflicten que existe unha grande afluencia de peregrinación no Camiño de Santiago.
Para chegar a Compostela existen moitas rutas xacobeas entre as que escoller, mais non todas contan coa mesma afluencia e coa mesma evolución. Mentres uns camiños gañan popularidade, outros decaen co paso do tempo. É o caso do Camiño Sanabrés (mal chamada Vía da Prata) e o Camiño de Inverno, dúas rutas que pasan por Lalín (de feito, ambas converxen en A Laxe) e que non están a conseguir unha evolución positiva segundo os datos deste Xacobeo 2021-2022.
O Camiño Mozárabe, Camiño Sanabrés ou Variante Sanabresa (mal chamado Camiño ou Vía da Prata incluso por institucións) é un dos camiños que menos interés desperta e que máis decaeu nos últimos anos. No ano 2021 tivo unha afluencia baixa con respecto ao último Ano Santo, xa que contou con só con 4.046 peregrinos (un 2,26% dos totais). Porén, en 2010 a afluencia foi de 14.197 persoas, é dicir, un 5,22% do total (daquela apostábase por esta ruta como unha das máis apetecibles como alternativa ao trazado fracés). Neste primeiro semestre de 2022, a tendencia é a mesma, pois esta ruta sitúase xa en séptimo lugar en canto ás preferencias dos camiñantes, con pouco máis de 3.200 peregrinos. Algunhas das principais causas do declive desta ruta son: o abandono de infraestructuras, a case nula promoción, o desacordo que existe incluso para usar un nome axeitado e históricamente xustificado, a degradación de moitos tramos e a falta de cooperación entre institucións (concellos, deputacións de Ourense, Pontevedra, Zamora e a Xunta de Galicia). Lalín debería ser o priomeiro interesado en promover unha reactivación deste trazado e traballar activamente na súa recuperación con institución de apoio ao Camiño Mozárabe do sur de España.
Dende varias localidades andaluzas, entre elas a Igrexa de Santiago Apóstol de Málaga, á Catedral de Compostela, discorre o máis meridional dos Camiños do sur entre cidades ibéricas. Di “manual” que 50 etapas (no caso de inicio malagueño) e o seu nome é Camiño Mozárabe a Santiago. Á súa chegada á provincia de Zamora, e tras coincidir nalgúns tramos coa antiga Vía comercial da Prata, chega a bifurcación; desde a capital zamorana un que discorre polo norte portugués ata Ourense cidade. O outro, o que discorre por Lalín, é o Mozárabe-Sanabrés… outros, seguindo o trazado romano, ían a “empalmar” co Francés no Bierzo.
O Camiño de Inverno ten unha escasa repercusión entre os peregrinos. Malia os numerosos esforzos para poñelo en valor mellorando, hai unha década, e unificando a sinalización e acondicionando os treitos que se atopaban en mal estado… a ruta non remata de consolidarse. Esta afirmación reflíctena os datos de 2021, pois unicamente contou coa presenza de 932 persoas (un 0,45% do total). Os datos concretos deste camiño en 2010 non aparecen nos rexistros porque vivíase o momento de lanzamente e recuperación, pero que non acaba de consolidar. A tendencia de 21 segue en 22, neste semestre de 2022, o Camiño de Inverno conta unha baixa afluencia: unicamente 615 peregrinos realizaron esta ruta nestes seis primeiros meses de ano.
Os demáis Camiños, cunha evolución positiva
Pola súa parte, o Camiño Francés foi en 2021 o máis concurrido e segue a ser o máis popular, xa que un total de 98.090 persoas pasaron por el. Isto supón un 54,83% do total, polo que máis da metade das persoas que chegaron a Compostela decantáronse por esta ruta. Trátase de algo que xa acontecía no Ano Santo anterior (2010), xa que o 69,53% dos peregrinos tamén optaron por este camiño de gran relevancia histórica. No que levamos de 2022, o Camiño Francés tamén foi o máis frecuentado, situándose en primeiro lugar durante os primeiros seis meses deste ano.
O Camiño Portugués sitúase no segundo lugar en canto á afluencia de xente, xa que no ano 2021 un total de 34.247 persoas (o 19,14%) decantáronse por esta ruta. No ano 2010 tamén acontecía esta situación, malia que a porcentaxe foi máis baixa: 12,55%. No que levamos de 2022, o Camiño Portugués tamén se atopa en segundo lugar en canto á concurrencia. Trátase dunha ruta que ten como punto de inicio Lisboa, mais actualmente os seus principais lugares de partida son Oporto e Tui. A variante costeira está a crecer espectacularmente (por Oia – Baiona – Vigo): o Camiño Portugués da Costa, que discorre na maior parte do seu percorrido pegado ao Océano Atlántico, contou en 2021 coa presenza de 7.942 peregrinos (un 4,44% do total), situándose en sexto lugar. Porén, non aparecen datos concretos deste camiño en 2021. No primeiro semestre de 2022, esta ruta colleu bastante afluencia, xa que se sitúa en terceiro lugar con preto de 8.000 peregrinos.
O Camiño Inglés é o tereceiro máis empregado polos peregrinos para chegar a Compostela no ano 2021, xa que 10.980 persoas decantáronse por el (o 6,14%). Porén, o Ano Santo anterior non aconteceu o mesmo, xa que o terceiro máis concurrido foi o Camiño do Norte. Neste sentido, o Camiño Inglés en 2010 contou cunha afluencia de 6.442 persoas, é dicir, un 2,37% do total. No primeiro semestre de 2022 sitúase en cuarto lugar cunha afluencia de case 6.000 persoas, por debaixo do Camiño Portugués da Costa.
O Camiño Primitivo, que se dirixe a Compostela polo interior de Asturias e Galicia, foi a cuarta ruta con máis afluencia de 2021: 10.143 peregrinos escolleron esta vía para facer o Camiño de Santiago, o que supón un 5,67% do total. En 2010 foi un 2,82% do total os que escolleron a ruta, polo que a súa afluencia foi medrando co paso dos anos. No primeiro semestre de 2022 a vía sitúase en quinto lugar, sendo case 6.000 os peregrinos que escolleron esta opción.
O Camiño do Norte, que percorre a costa cantábrica dende Irún ata Ribadeo, contou en 2021 cunha afluencia de 9.595 persoas, o que supón un 5,36% do total. Porén, os datos foron mellores en 2010, xa que 17.954 peregrinos (un 6,60%) optaron por esta opción. No tocante ao que levamos de 2022, fixeron o Camiño do Norte case 5.000 persoas, polo que as previsións de final de ano son optimistas.