-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
O PSOE PIDE UN MODELO DE PEONALIZACIÓN PARA LALÍN
Fecha 13/08/2021O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE propón a peonalización das rúas Principal e Loriga unha vez rematen as obras de humanización que as converterán en vías de plataforma única adaptadas totalmente a unha mobilidade peonil e sostible. Os socialistas lembran que este proxecto foi impulsado e deseñado polo goberno anterior co fin de introducir paso a paso en Lalín un modelo urbano no que os espazos públicos do centro fosen cada vez máis para a xente e menos para os coches. Consideran que carece de sentido investir 700.000 euros en adaptar e modernizar as rúas para que ao día seguinte continúen circulando os vehículos a motor.
O voceiro municipal, Román Santalla anunciou a presentación, para o próximo Pleno, dunha moción solicitando a peonalización de Principal e Loriga cando rematen as obras de rexeneración e a posta en marcha dunha proposta de peonalización do centro revisable e aberta na que participen o maior número de voces posibles, incluídas as da veciñanza.
O PSOE pídelle ao PP «que explique con claridade os motivos polos que prefire un casco urbano cheo de coches fronte un Lalín moderno e adaptado aos tempos actuais onde as familias gocen de espazos seguros e saudables ao aire libre e se respire menos contaminación». Ao mesmo tempo, o Grupo Municipal Socialista «reclámalle á AED que se pronuncie sobre este debate e que sinale publicamente, tal e como fai a Asociación de Comerciantes da Estrada, se prefire o modelo de Crespo con rúas cheas de coches ou se defende como o resto da sociedade que as rúas accesibles á xente son beneficiosas para o comercio de proximidade».