-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
O empresario lalinense Antonio Rodríguez Troitiño presenta a súa candidatura á presidencia da Federación Galega de Automobilismo
Fecha 18/03/2021Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Escudería Lalín-Deza e empresario lalinense, presenta a súa candidatura para presidir a Federación Galega de Automobilismo (FGA). Explica o candidato que para elo crean un “grupo de traballo amplo”, denominado “RenovaFGA”, para preparar unha candidatura alternativa á actual presidencia nos comicios que deberán convocarse ao longo do ano 2022.
A candidatura de Rodríguez Troitiño contará co apoio de dúas figuras importantes n o automobilismo galego, como José Ramón Padín Freire, organizador do Rallye de Narón desde a primeira edición en 1988 e directivo da FGA entre 2001 e 2006, e como Francisco Barreiro Caamaño, ex directivo e ex vicepresidente da FGA, que foi membro da Escudería Berberecho e moi vinculado ao Rallye Ría de Noia.
Antonio Rodríguez Troitiño explica que, este anuncio, e aínda que queda moito tempo para as novas eleccións, foi motivado polos “acontecementos recentes no seo da federación e á situación surrealista que está a vivir, cun presidente inhabilitado que, a pesar da súa situación, xa está comezando a mover certos fíos cos diferentes colectivos do automobilismo galego para conseguir futuros apoios”.
Subliñou que Renova FGA xorde “polo descontento coa xestión de Iván Corral nos últimos tempos” e por iso estima necesario “comezar a falar xa con toda a xente do automobilismo galego” para conseguir unha “alternativa que se centre e traballe polos intereses reais dos afiliados”.
Unha alternativa, engade, que abogue por “unha xestión máis transparente” e “por unha FGA máis participativa e aberta”, e iso comezaría por levar a cabo unha auditoría global para saber en qué condicións se atopa a federación no caso de ser elixido presidente.