-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
O BNG pide aos concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón que emitan informes negativos polos impactos negativos que conleva o novo proxecto de parque eólico
Fecha 24/03/2021
Agora, amais dos novos proxectos de parques eólicos que se están promovendo dende a Xunta de Galicia, o Ministerio pola Transición Ecolóxica está a tramitar un “macroparque eólico” de 112 MW entre Goiás (Lalín), Álceme (Rodeiro) e A Lagoa (Dozón), fragmentado en dous parques e nos que a liña de evacuación percorrerá 18 Km atravesando os concellos de Lalín, Vila de Cruces e Silleda. Este novo proxecto atópase en exposición pública (BOE» núm. 65, de 17 de marzo de 2021) e ademais de promover estes dous parques, que cómpre destacar que non estaban previstos nas Áreas de Desenvolvemento Eólico de Galicia, o Ministerio tramita outros enormes parques nas serras orientais.
Ante este futuro eólico que nos agarda na comunidade galega, o BNG insta aos concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón a “reaccionar enerxicamente e amosar o rexeitamento a esta mole eólica que está a tramitar o Ministerio de Transición Ecolóxica”. Por elo pídelles aos servizos urbanísticos dos tres consistorios que emitan informes negativos sobre este novo proxecto que levaría a cabo a empresa con sede en Madrid, Green Capital Development XXVIII SL. , bautizado como Monte dos Porcallos e Val do Folgoso, por conlevar explican, grandes impactos ambientais, sociais e económicos, amais de non cumpriren coa distancia mínima estipulada de 500 metros entre os aeroxeneradores e as vivendas ou granxas.
Os impactos do “macroproxecto eólico”
Estes parque, “Val do Folgoso” e “Monte dos Porcallos”, segundo o estudo ocuparán na maior parte terras de uso agrícola e gandeiro para pasto vacún. Isto é, unhas 30 granxas da contorna, de vacún, porcino e avícola, quedarán baixo a influencia de construcción e do ruido dos aeroxeradores, a maioría entre 200 a 400 metros de distancia. “Trátase dun desprezo á capacidade produtiva do rural galego e só pode calificarse de auténtico espolio do territorio servido aos especuladores enerxéticos do vento”. Un feito que dende o BNG consideran grave pois, “a diferencia doutros parques, que por costume ocuparon superficie forestal e de mato nos altos das Serras” agora estes, conlevarán grandes impactos para o desenvolvemento da actividade agrogandeira da zona.
Engaden amais, que existe un “manifesto incumprimento da distancia mínima de 500 metros”, tal e como se recolle na planificación eólica de Galicia. Explican que entre os aeroxeradores e varias das vivendas e granxas dos lugares de A Corredoira, Alfonselle, As Tecedeiras, Alvarellos, Maceira, O Santón, Paredes, Porcallo e Rodelas esa distancia mínima non se respecta.
O proxecto tamén provocaría importantes impactos arqueolóxicos, pois das dúas subestacións eléctricas, unha delas situaríase próxima ao xacemento de mámoas do Couto de Mamoela e a 400 metros da entrada do Camiño de Inverno á altura de Porcallos. Lamentan dende a formación política que “as mámoas de Rodelas tamén quedarían dentro do ámbito de localización de dous aeroxeradores”.
A posible construcción deste parque eólico, que aínda que a zona non conta cunha categoría de protección de espazo protexido, sí afectaría á tartaña cincenta, unha especie en Perigo de Extinción e que na zona en cuestión, atópase unha das últimas colonias desta ave presentes en Galicia.
Apuntan dende o BNG que amais do anterior efecto ambiental, “hai que sumarlle o impacto que suporá a liña de alta tensión, que decorrerá 18 Km, atravesando terreos de todo tipo: agrícola, forestal, ríos,…” nos concello de Lalín, Vila de Cruces ata rematar en Carboeiro, Silleda preto do Mosteiro de Carboeiro e moi próxima ao sistema fluvial Ulla-Deza incluída dentro da Rede Natura 2000.