-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
O Bloque anuncia unha campaña informativa sobre os eólicos
Fecha 11/05/2021
O BNG levará a cabo, ao longo do mes de maio, unha campaña informativa en Galicia sobre os parques eólicos baixo o lema “por un modelo sustentable, xusto e participativo ” coa intención – din – «que evite o espolio e a depredación que sofre o país e a nosa comarca».
A campaña terá dúas vertentes, unha social e informativa coa distribución dun díptico, cartelería e actos públicos para dar a coñecer a alternativa do BNG e outra institucional, con mocións nos concellos. A acción semella ao traballo desenvolvido en Lalín e parte da comarca por este mesmo motivo.
Desde a organización nacionalista sosteñen que «fronte ao modelo do PP e da Xunta ( ao que agora se lle suma entusiastamente o goberno estatal con megaparques eólicos en terreos agrario) , que pon os recursos naturais do país ao servizo dun puñado de empresas para lucrarse a cambio de migallas, o BNG propón un modelo consensuado, aposta por un novo plan eólico que ordene o sector e que serva para xerar emprego e riqueza no país».
Sosteñen que «apostar por enerxías limpas, non pode ser coartada para depredar o territorio ou poñer en risco outras actividades económicas vitais da nosa economía. A febre eólica que estamos a vivir está tendo unha gran contestación social, pois a diferenza do que pasaba hai décadas que se localizaban no cumio dos montes, hoxe os novos proxectos afectan a núcleos habitados ou a zonas de actividade agragandeira, como é o caso dos que se están tramitando nas comarcas do Deza e Taberós-Terra de Montes».
O BNG considera que é posible compatibilizar os eólicos con outras actividades e cun modelo respectuoso e participativo e pude que se «declare a enerxía como ben público , por crear unha empresa pública de enerxía que garanta un retorno dos beneficio para a sociedade galega, por establecer como obrigatorio para desenvolver proxectos eólicos a construción e subministro de compoñentes con empresas radicadas en Galiza, pola implantación dunha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz ás familias e empresas asentadas no noso territorio».