-
lalin.net o teu portal de información
HISTORIAS DA NOSA HISTORIA
Montserrat, entre a historia e a lenda
Fecha 19/01/2021A primeira quincena de setembro Donramiro énchese de veciños residentes noutras vilas e até noutros países, de amigos e de visitantes ocasionais. É o «mes grande» destas terras, nas que se celebran as festas en honor á Virxe do Montserrat; unha festividade que honra unha tradición pouco coñecida e menos estudada e divulgada. O vínculo catalán semella, máis que xustificado, probado por dobre vía: os comerciantes e fomentadores cataláns que introduciron técnicas de conservación de alimentos e a numerosa colonia de monxes bieitos que se estableceron en Galicia procedentes desas terras.
A Virxe do Montserrat é, xunto con Santa María, a co-patroa de Donramiro e comparte protagonismo con outro santo de gran querenza nas nosas terras, San Amaro ou San Mauro. A parroquia «perdeulle» polo camiño da historia a súa devoción ao San Roque pois, segundo o reflectido en documentos como o Catastro de Ensenada e os arquivos da Casa de Lemos, este santo contaba cun pequeno santuario onde agora se levanta a Capela do Montserrat. A existencia desta capela está testemuñada xa en 1119 nos documentos de doazón da igrexa de «Sancta María de Domno Ranemiri» (hoxe Donramiro) á igrexa lucense polo matrimonio Juan Díaz e Marina Luci, con data de 16 de xaneiro.
A capela de Donramiro, como sede de culto á Virxe do Montserrat, conta con prerrogativas similares ás do santuario catalán, levantado na serra do mesmo nome, logo de que o párroco Don Laureano Rubinos conseguira en 1882 as mesmas indulxencias e privilexios desta para a galega, obxectivo co que se fundou, en tempos do bispo frei Gregorio María Aguirre García, a Confraría de Montserrat de Santa María de Donramiro que, no 1926, inicia un declive que a levará á desaparición.
Até estas datas, a imaxe da Virxe do Montserrat venerada polos fieis non era negra como a actual que se ten como referencia, senón branca, moito máis antiga e semellante a outras Virxes do Montserrat existentes en España e no resto do mundo. O aspecto actual da virxe catalá, alcumada Moreneta, débese á acción do fume das velas acesas no seu altar, as responsables de tinguir de negro a súa cara e as súas mans.
Pero volvamos a Donramiro. A verdadeira Virxe é a «orixinaria» figura, chea de «contradicións», que se atopa no altar maior da capela galega do mesmo nome. Fontes artísticas e anticuarios sitúan a factura da talla entre 1600 e 1700. Con seguridade, antes de ser aloxada no lugar que ocupa na capela, pertenceu a un grupo escultórico do que foi extraída, como demostraría o feito de que o neno se sitúa no lado dereito da nai (até épocas recentes sempre fora colocado a carón do corazón ou, como máximo, no centro). Máis curioso é o feito de que o neno dirixa a ollada á súa dereita, portando ademais na súa man destra parte dunha peza que pertencería a outra figura.
A imaxe orixinal, que preside o altar da Capela do Montserrat de Donramiro, debeu ser repintada cando a súa restauración e trátase dunha obra de imaxinería «algo tosca», segundo anticuarios e expertos en devoción mariana, asentándose nunha nube a modo de trono alegórico.
Pola contra, a imaxe que na actualidade é trasladada cada mes de setembro en procesión e que case todos teñen por representación escultórica orixinal da Virxe do Monserrat ten case trescentos anos menos e non é máis que unha doazón da centenaria veciña María Fernández co gallo do seu aniversario, o 16 de outubro de 1927. Tal e como recolle a crónica publicada o día 21 en El Pueblo Gallego, o seu fillo Guillerme González Fernández, comerciante bonaerense, pagou a escultura que estivo gardada na casa da súa nai, dende onde foi trasladada até a capela: «La espléndida imagen estaba guardada en el domicilio de la anciana, de donde salió en procesión en medio de un inmenso gentío hacia la capilla de Montserrat. Presidía esta la centenaria, el digno párroco de Lalín don José María López Castro, los sacerdotes don Ramón Aller, don Jesús Temes Bolaño , el padre Gerónimo, superior benedictino de Monforte, el abogado don Domingo Pablo Palmáz». Esta escultura é obra dun mestre escultor que, influído polas referencias á Moreneta, imaxinou e tallou unha virxe completamente negra, lonxe da tradición catalá (morenetapola acción do fume, que non negra) e máis lonxe aínda da de Donramiro. O rito da procesión fixo «famosa» e popular a nova imaxe, en detrimento da orixinal, inventándose un traslado até esas datas inexistente dende a igrexa parroquial á capela, no que non é máis que a repetición do primeiro traslado dende unha casa particular até o campo da romaría do Montserrat. A casa da centenaria María Fernández Trabazo é máis coñecida en Donramiro como Casa da Raxadana, e nela Sofía Sánchez, a neta de María, e anos despois Lurditas instruíron a moitos veciños da parroquia.
Nin a catalá nin a lalinense nin outras con orixe similar, como a de Monforte, teñen relación ningunha coas coñecidas como «virxes negras».
A tradición mariana da Montserrat de Donramiro
Contan as lendas que a Virxe do Montserrat se lles apareceu a uns nenos que gardaban as ovellas nas Penas do Cesto, un monte que agora leva tamén o nome da santa. Segundo a tradición, foi a propia Virxe quen lles mandou ós veciños da zona que construíran unha capela naquel lugar. O santuario primixenio era moi pequeno, así que tivo que ser reformado en varias ocasións; a última, no 1910, grazas a un traballo dirixido por Guillermo González Fernández e no que colaboraron todos os veciños, mesmo os que emigraran ao estranxeiro.
Outra versión (complementaria) da lenda di que a Virxe do Montserrat tiña o seu destino marcado para que a venerasen na parroquia de Cercio pero no momento do traslado topou cun inconveniente. A Virxe ía nun carro tirado por uns bois que avanzaba devagar ó longo de todo o camiño real e que, ó chegar á altura do monte das Penas do Cesto, en Donramiro, resistíronse a seguir camiñando. Os labregos que compoñían o séquito da Virxe decidiron entón ir por outros bois, pero tamén estes se negaban a continuar a andaina. Dende aquela, Montserrat foi xa para sempre de Donramiro, onde a seguen a honrar con gran devoción, aínda que co paso do tempo mudara a figura obxecto de culto, como quedou dito anteriormente.
As festas no seu honor celébranse cada ano o primeiro domingo despois do día 8 de setembro. Son das máis populares e prezadas da comarca. Veciños e visitantes preparan os seus xantares que logo degustan ó pé do castro, á sombra das árbores centenarias do monte. Os fieis, procedentes de toda Galicia, pídenlle á Virxe do Montserrat a curación de todo tipo de enfermidades e a protección contra toda caste de males. Con todo, o xeito de veneración máis estendido é o protagonizado polos que se ofrecen a si mesmos ou son ofrecidos por terceiras persoas. As ofrendas á novena para subir a santa ou para acudir á capela todos os anos son as máis habituais e, ó mesmo tempo, fan que moitos veciños de Donramiro veñan á terra que os viu nacer impoñéndose esta agradable obriga.
Importación catalá
Moitas son as coincidencias entre a Moreneta catalá e a Virxe de Donramiro. La Mare de Déu de Montserrat é a padroa de Cataluña e a súa imaxe é venerada no mosteiro do mesmo nome. Ata o mes de celebración presenta coincidencias: o 11 de setembro de 1881 o papa León XIII declarouna oficialmente patroa das dióceses catalás; o 8 de setembro celébrase a festa do seu achado; e o 27 de abril, o aniversario do recoñecemento do dereito de misas e oficios.
Di a tradición que, coma no caso galego, a primeira imaxe foi atopada por uns nenos pastores no século IX, logo de ver unha luz na montaña que os guiou até unha cova. Ao ser coñecedor da nova, o bispo de Manresa tentou trasladar a figura sen éxito pois esta facíase milagrosamente máis pesada imposibilitando o seu arrastre no carro de bois. O bispo interpretouno coma un sinal e mandou entón construír no lugar unha ermida, orixe do actual Mosteiro de Montserrat, seguidor da regra de San Bieito.
A talla alí honrada, de madeira de álamo cuberta de dourado (disque a súa cor negra ten a súa orixe unicamente no efecto do fume das candeas ao longo de decenios), é do século XII. Numerosas réplicas da imaxe atópanse en múltiples lugares de España ou Latinoamérica, seguramente froito de iniciativas de conquistadores, homes de negocio e evanxelizadores cataláns.
Os historiadores que defenden o vínculo catalán de tradicións, como a profesada en Donramiro, consideran o Camiño de Santiago o «conduto de entrada» da figura e mesmo da lenda sobre o xeito en que se descubriu e iniciou o seu culto. Unha hipótese ,varias veces enunciada, atribúea a un catalán que materializa en Donramiro a ofrenda da figura. De feito, foi o Camiño de Santiago a principal canle de difusión dos milagres atribuídos á Moreneta.
Montserrat e o Camiño de Inverno a Santiago
O Camiño de Inverno non foi só unha ruta de peregrinaxe a Compostela. Durante anos foi a máis seguida dende Castela e, polo tanto, tamén a máis utilizada polos comerciantes que levaban produtos galegos á meseta, principalmente a Madrid. Os arrieiros galegos e, nomeadamente, os maragatos foron os principais usuarios desta vía relixiosa e comercial que penetra en Galicia polo Barco de Valdeorras procedente de Ponferrada e percorre, entre outras vilas, Quiroga, Monforte, Rodeiro, Lalín, Silleda, Ulla e Santiago.
A Maragatería é unha comarca leonesa –a antiga Somoza–, coincidente coa actual de Astorga, de comerciantes e arrieiros que negociaban con produtos artesáns e gando entre Galicia (a terra do mar) e Madrid (a terra dos gatos, como se lles coñecía aos madrileños). A esta acción, a de levarlle os produtos do mar ós gatos –Mar a Gatos–, atribúeselle, por boa parte dos autores, a orixe do nome, lonxe de rebuscadas explicacións sobre a súa orixe «moura», unha prenda tradicional ou o nome dun rei. A Maragatería esténdese como zona de grande actividade comercial dende o século XV até o XIX, momento en que o ferrocarril acabou definitivamente con ela.
As terras do contorno de Donramiro eran lugar de paso e de traballo de arrieiros locais e por elas pasaba unha das máis importantes rutas maragatas, a que discorría entre a costa oeste galega e Compostela, pasaba polos viñedos do Ulla e as Terras do Deza, e atravesaba dominios do Mosteiro de Cea (vencellado na época á Congregación de Castilla e cuxas terras chegaban até as rías galegas, dende as que lles pagaban tributos en forma de alimentos, como os do priorado de Marín). A ruta comercial, inversa á relixiosa, pasaba logo polos vales da Ribeira Sacra, Monforte e Valdeorras camiño de Castela e, seguindo os camiños reais, chegaba até Madrid, logo de máis de 100 leguas e 12 xornadas. O polbo (de aí a tradición de preparar este prato no interior de Galicia) e todo tipo de peixes, nomeadamente a sardiña, en sal ou secos eran, xunto co viño, os produtos máis prezados na capital do reino. O actual Lalín sería entón o punto de reunión doutras rutas, como as procedentes das Rías Baixas, polo Candán, e, non menos importante, o punto de confluencia coa Ruta da Prata que, pasando por Oseira, percorre un itinerario semellante ao da actual Nacional 525, atravesando Ourense, Laza, A Gudiña (onde entroncaba o ramal procedente de Verín e o Val de Monterrei), a Canda e as agora terras zamoranas.
Os produtos alimenticios viaxaban primeiro cubertos de neve –no Candán consérvanse «neveiras» escavadas na rocha, onde se facía xeo prensando neve– e máis tarde secos e afumados. Co tempo pasarían a ser conservados coa técnica da salgadura (que permitía o traballo case todo o ano sen que se botara a perder o alimento pola calor). A salgadura era, por esas datas, unha técnica implantada e estendida polos mercaderes cataláns (os fomentadores, chegados masivamente a Galicia no século XVII) e precisamente a un deles ben se lle podería atribuír a «importación» da Moreneta nunha sorte de cumprimento de promesa ou ofrenda.
Donramiro e Monforte son dous dos lugares que nesta ruta relixiosa e comercial contan coa Virxe do Montserrat entre os seus «santos de cabeceira». Unha ruta seguida tamén polos monxes bieitos cataláns que, ao par de comerciantes e peregrinos, fundaron ou ocuparon mosteiros e dos que non faltan referencias que os sinalan como «importadores» desta devoción mariana. En Monforte existen referencias que os relacionan coa custodia dunha imaxe dende o século XIII, un dato que, xunto ao feito de que Montserrat é a padroa da cidade do Cabe e de que a súa imaxe conta cun manto de peregrina que data do XVII, abunda na idea dos vínculos citados.
Non esquezamos tampouco que nestes séculos Donramiro e o seu contorno están vencellados por tributos á Casa de Lemos, tal e como consta no Arquivo de Simancas (Catastro de Ensenada de 1753), que nos seus interrogatorios recolle: «Al capítulo segundo dijeron, que esta dicha feligresía, es de SEÑORIO de la Excelentísima Señora Condesa de Lemos, quien percibe de cada vecino cabeza de casa por razón de VASALLAJE un real y diecisiete maravedíes de vellón, a excepción de Don Andrés de Ulloa y Don Felipe Ferradas, que de estos no lo hace, también percibe, la LUCTUOSA de dichos vecinos, a excepción de los dos de arriba expresados, y por ella, cierta cantidad de dinero en que suelen ajustarse, que computado un año con otro, ascenderá su valor a treinta y cinco reales».
Entre frades e comerciantes anda o conto; iso si, cataláns en ámbolos casos, cun chisco de axuda da man de maragatos e bos arrieiros locais –en 1750 son moi coñecidos Bernardo Gutiérrez e José de Otero, de Santa María de Bermés, e Domingo de Forján e Juan González, de San Pedro de Castro–. Paréceme a min que o carro e os bois da lenda teñen que ver máis co seu traslado a Lalín polas rutas comerciais que con outra cousa.
Utilizando o símil matemático, Montserrat é a Donramiro o que Donramiro é á súa padroa… O resto queda na historia non escrita (ou na máis pura lenda), que cada mes de setembro fai que tornemos a casa case todos os que levamos no corazón e na memoria canto existe ou se agocha na súa Carballeira do Montserrat.
NOTA: O autor quere agradecer o traballo de investigación desenvolvido polo historiador e mestre Antonio Vidal Neira, natural da parroquia de Donramiro e cuxas investigacións son empregadas nos dous primeiros apartados desta reportaxe e en todas as referencias feitas ao Catastro de Ensenada. De igual xeito, a colaboración e asesoramento da Asociación Galega de Anticuarios, nomeadamente do seu presidente, Cosme Vidal.