-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Máis de dous meses de espera para acceder á documentación municipal
Fecha 26/03/2021O PSOE de Lalín denuncia que o goberno do PP atrasa os prazos de entrega de documentación á oposición. “Impoñen esperas totalmente inxustificadas e sistemáticas” e engaden que para ter acceso a calquera tipo de expediente que se solicita ao concello as esperas poden superar os dous meses. Para o concelleiro socialista, Cristóbal Fernández “non hai ningún argumento que xustifique o atraso no acceso aos expedientes, a non ser que haxa algo que ocultar”.
O Partido Socialista denuncia esta situación logo de solicitar o acceso a dous expedientes desde mediados deste mes. O primeiro, foi rexistrado o día 11, relativo ao proxecto do circuíto de motocross no monte do Carrio. A segunda demanda, rexistrada o día 15, na que solicitaban o acceso e obtención de copia do acordo, decreto, resolución ou instrución administrativa dun órgano colexiado relativo ao proceso administrativo de preinscrición de solicitantes das axudas para o comercio.
En ámbolos casos o acceso á documentación concedeuse para o 18 de maio, máis de dous meses despois do rexistro da solicitude. Explican dende a formación que os expedientes solicitados “poderían ser entregados en 5 minutos, pero ou o goberno ten algo que ocultar ou o único que pretende é impedir o noso lexítimo traballo de fiscalización”, indica Fernández.