-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Lalín, unha das zonas galegas con máis deficiencias en canto ao transporte sanitario terrestre
Fecha 11/02/2022Unha das preguntas parlamentarias publicadas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do 10 de febreiro ten que ver coa rede de transporte sanitario terrestre de calidade, onde Lalín é unha das zonas afectadas ao contar con insuficiente dotación de emerxencias. A pregunta (para proposta oral escrita) realízana Montserrat Prado Cores, Olalla Rodil Fernández e Iria Carreira Pazos, deputadas do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara. Segundo as deputadas, “levamos anos demandando o dimensionamento preciso, tanto en vehículos, persoal e recursos para a atención ás urxencias extrahospitalarias porque é un servizo vital na cadea asistencial e o servizo é deficitario”.
As deputadas do BNG advirten que, diante dunha emerxencia, o factor tempo e eficiencia é fundamental e “cada minuto que demora na atención agrava o prognóstico e a supervivencia”. Deste xeito, indican que é preciso ter recursos suficientes (tanto materiais como humanos) para que os tempos de resposta non supoñan que a poboación estea correndo riscos de quedar desatendida. Existen en Galicia comarcas enteiras sen dotación de Soporte Vital Avanzado, como é o caso de Lalín, Valdeorras, Bergantiños, Baixo Miño ou Barbanza, entre outras.
Cabe destacar que “non estamos a falar dunha cuestión puntual, dun descoido, senón dunha práctica constante que non ten ningunha xustificación”. O BNG ten presentado múltiples iniciativas no Parlamento Galego referidas á situación do servizo de transporte sanitario terrestre. Este servizo ten un papel esencial dentro do sistema sanitario, polo que “debería estar perfectamente inserido no mesmo e contar cos recursos e persoal preciso para prestar unha atención sanitaria de calidade, mais esa non é a realidade”. Polos motivos expostos, as deputadas formulan as seguintes preguntas para resposta escrita:
«Considera suficiente a Xunta a dotación de emerxencias nas comarcas de Lalín-Deza, Barbanza, Bergantiños, Baixo Miño, Valdeorras…?»
«Considera que @s veciñ@s destas comarcas poden recibir unha atención sanitaria rápida e con garantías, diante dunha patoloxía de gravidade, carecendo de ambulancia medicalizada, SVA?»
«Tendo en conta que o tempo é un factor esencial, considera que os veciñ@s destas comarcas teñen as mesmas oportunidades diante dunha patoloxía de gravidade que @s de outras zonas do país?»
«Cales son as isócronas operativas destas comarcas en caso de precisar unha ambulancia de SVA?»
«Ten intención o Goberno galego de dotar estas comarcas dunha ambulancia medicalizada? de ser así en que prazo?»