-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Lalín pon a carreira eólica galega en cuestión: debe pórse o freo para que sexa realmente limpa, sustentable e respectuosa co territorio
Fecha 30/03/2021A transición enerxética presentábase coma unha boa oportunidade, que agora semella desaproveitarse en beneficio dos intereses que favorecen un desenvolvemento enerxético voraz protagonizado polas grandes compañías e do que non se benefician nin pequenos produtores nin autoconsumo, como era o espírito da reforma gobernamental na materia.
Un exceso de presión sobre o territorio por ocupación con parques eólicos pode levar aparellados graves impactos ambientais e paisaxísticos facendo que a contorna perda as súas características de naturalidade e a súa diversidade biolóxica. A isto hai que engadir a falta de claridade que impera nos procesos de construción de novos parques eólicos que se están a desenvolver en Galicia.
Esta “carreira eólica” que está a vivir a nosa comunidade dende finais do 2020 e principios de 2021, desvirtúa a idea de sustentabilidade e enerxía limpa desta renovable, a prol dun modelo eólico que se caracteriza polo seu modo desmedido de expansión a calquera prezo, así o denuncian dende organización ambientais, ecoloxistas e mesmo organizacións sociais e políticas.
Cada vez son os que ven necesario analizar en profundidade o desenvolvemento eólico para atopar o punto de equilibrio entre este e a sustentabilidade e respecto ao entorno, que por outra banda é a base de todo modelo enerxético renovable, e evitar ao mesmo tempo cometer os erros do pasado e volver a un modelo de depredación enerxética. Unha moratoria eólica para redefinir a estratexia de desenvolvemento eólico é necesaria.
A eólica dos bancos e do «lobby» enerxético
A través de produtos financeiros ofrecidos polos bancos a miles de particulares, en nome dunha suposta «transición enerxética», con nomes coma «bonos verdes» ou «transición verde» ou participación na «descarbonización: os denominados Green Bond Principles (GBP). “Quen adquire estes GBP debería ser consciente de que os seus investimentos poden acabar sendo partícipes na destrución de espazos naturais únicos”, explica Martiño Nercellas, licenciado en Bioloxía e colexiado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia. Contornas naturais como as serras da Cordilleira Cantábrica, Macizo Central en Ourense ou contribuír á desaparición dos últimos hábitats da pita do monte, zonas oseiras…
Estas entidades financeiras inxectan miles de millóns de euros, sen preocuparse das cualidades e repercusións ambientais dos proxectos impulsados “por auténticos especuladores enerxéticos, os que só miran a rentabilidade aproveitándose da «porta aberta» que deixa unha proclamada e rimbombante «transición verde» tan excesivamente permisiva que acaba valéndolle todo”, engade.
Unha definición de eólica “limpa” que nada ten que ver co concepto que a sociedade ten dela, pois non é a da racionalidade nin a eólica equilibrada co territorio. Precisamente a este modelo de desenvolvemento eólico é o que se lle ten que poñer freo porque acaba volvéndose contra si mesma, e contra a suposta transición enerxética e/ou verde.
Vista pola opinión pública coma unha enerxía limpa, o modelo que se impón deturpa esa idea. O que se pretende facer en Galicia, “é a eólica dos Bancos, dos especuladores que se pasaron do «ladrillo» a burbulla das renovables, aproveitando a inxente cantidade de diñeiro que chega de Europa para o seu fomento”.
Unha transición enerxética que volta pecar dos vicios da insustentabilidade. Organizacións ambientais e ecoloxistas, non discrepamos contra a eólica e a da transición enerxéticas ás renovables, senón que rexeitamos o xeito desmedido de expansión a calquera prezo. Esa eólica dos bancos e do «lobby» enerxético, que nada ten que ver coa eólica “limpa”, sostible e respectuosa co territorio, que existe, pero claramente non está presente na nosa comunidade.
A guerra polos últimos metros cadrados de territorio eólico
Nesta “carreira eólica” iniciada en Galicia, as empresas están apurando todo o posible para adquirir ata o último metro cadrado de territorio eólico que queda. Unha carreira que comezou coa presentación e aprobación do «Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030» que pretende chegar aos 50 GW de renovables instalados, isto é, ata case duplicar o que hai. Así e todo, a estas empresas preséntaselles para elo un único problema, que fai que temporalmente vexan freadas as súas expectativas, que é a limitación eólica que virá imposta por unha cuestión técnica, as liñas eléctricas de evacuación. “Faranse tódolos parques que as liñas de evacuación eléctrica (Red Electrica Española) poidan soportar”. A isto, engade Martiño Nercellas, “os primeiros que se fagan non terán problema, o resto terá que esperar/especular. O sector está coma nunha especie de coller a «pole position» da grella de dispoñibilidade de evacuación”.
E como exemplo podemos tomar o caso das Fragas de Catasós, que agochaba unha liña de evacuación de parques eólicos en Ourense por saturación nas liñas empregadas, e esta situación acabará por pasar con moitos destes novos parques eólicos.
A transición enerxética presentábase coma unha boa oportunidade, pero todo apunta que no futuro máis inmediato, desaproveitarase en beneficio dun desenvolvemento enerxético voraz.
O que está marcando o desenvolvemento eólico na nosa comunidade “é unha guerra nos despachos por facerse co maior número de porcións de territorio susceptibles de dar calquera MW eólico”. “Aos consultores encárgaselles rastrear todos eses espazos, e a súa detección consiste en ir superpoñendo as capas de limitacións sobre os mapas que representan o territorio: a capa de Áreas de Desenvolvemento Eólico con parques en funcionamento, a do estado de saturación das redes de evacuación e a da Rede Natura e espazos protexidos” entre outras. Unha vez localizados eses puntos, mesmo aqueles nos que anteriormente non resultaban “interesantes” para os sector pois na actualidade e grazas á tecnoloxías os novos aeroxenadores xigantes (poden chegar aos 200 metros), “fan que conten con vento óptimo, incluso instalados en coutos e lombas non moi elevados”, encárganse de medir cales son rendibles a través de simuladores de vento.
Unha maneira de proceder na que só se teñen en conta os factores económicos para esas empresas e déixanse de lado outros importantes como os ambientais, sociais e económicos que afectan directamente á sociedade é ao noso entorno natural. “Tanto lles ten que sexa en áreas de produción leiteira, caso dos macroparques eólicos proxectados en Lalín, ou de orografías inexpugnables que precisarán de desmontes e accesos de impacto durísimos como será no Macizo Central, ou en Serras da Cordilleira Cantábrica” apunta Nercellas.
Por unha transición enerxética real e racional
Ante esta realidade, tanto o Ministerio pola Transición Ecolóxica como a Xunta deben valorar facer un alto no camiño deste desenvolvemento eólico irracional, e orientalo cara unha transición enerxética sustentable, xusta e coherente co que a maioría da sociedade concibe como enerxías limpas e/ou verdes. É o “momento de establecer unha moratoria, e dar un tempo para un deseño dun mapa eólico racional e respectuoso co territorio para que se dean unha serie de garantías de desenvolvemento”, indica Nercellas. “Garantías, que, como por exemplo para o caso de Galicia, permitirán aprobar a ampliación da Rede Natura 2000 que obriga Europa” pois somos a rexión europea con menor porcentaxe protexida, e leva aparcada dende o 2012, precisamente por colidir os novos espacios a protexer con esta “carreira” eólica.
É preciso aprobar un novo plan eólico, o vixente é de 2001, e que ven experimentando ampliación sobre ampliación ao longo de dúas décadas. Un xeito de proceder que o único que pretende é de “trampear” para que non sexa sometido ás Directivas europeas de avaliación estratéxica ambiental e, poder así, burlar moitas das trabas de procedementos ambientais. “Esta é a realidade da nosa eólica, unha eólica dopada, trampulleira, e voraz co territorio” moi alonxada do concepto de enerxía limpa e verde.
Neste desenvolvemento priman os beneficios económicos para as empresas, fronte aos beneficios ambientais e mesmo en detrimento dos beneficios para a propia sociedade galega. A isto hai que engadirlle, explica Martiño Nercellas, a “parcialidade na actuación das administracións locais, que é moi grave, pois os eólicos preséntanse coma un maná recadatorio de impostos coma o IBE ou o de IAE, que acaba decantando case sempre a posición destes concellos a favor de todo aeroxerador que lle chegue, sen parar a valorar outros ponderables de maior importancia no tempo”.
Unha moratoria eólica para redefinir a estratexia de desenvolvemento eólico é necesaria. Precísase contar cunha nova planificación eólica, tanto a nivel Estatal como na Comunidade. Non se pode seguir promovendo parques, por un lado a Xunta, cunha previsión normativa que ten a súa base no 2001, e por outro lado, o Ministerio que promove megaparques eólicos. Amais, a nova planificación resulta necesaria para incorporar as previsións da eólica mariña, que de facerse como en terra, xa se aveciñan importantes conflictos de interese con outros sectores. Así como incluír a previsión no modo en que se acoplara a eólica á chegada das plantas de hidróxeno verde, que dependerán unhas das outras.
A eólica pode ser unha alternativa moi competitiva con respecto ás enerxías “sucias”, pero debe facerse de modo racional e equilibrado co territorio e ordenación de usos, e respecto coa paisaxe o patrimonio natural. Un exceso de parques eólicos en Galicia pode conlevar graves impactos ambientais e paisaxísticos debido aos efectos aditivos que fan que a contorna perda as súas características de naturalidade. A isto debemos engadirlle amais, o deterioro e perda da biodiversidade.
Lalín punto de inflexión
Un parque eólico en Lalín que ocuparía territorios de media altura, na contorna de explotacións agrarias e aproveitamentos gandeiros, estáse a converter no inicio dunha reacción política, amais da social que xa se ten producido noutros puntos de Galicia e do Estado. É o pretendido macroparque eólico de 112 MW entre Goiás (Lalín), Álceme (Rodeiro) e A Lagoa (Dozón), fragmentado en dous parques e nos que a liña de evacuación percorrerá 18 Km atravesando os concellos de Lalín, Vila de Cruces e Silleda. Este novo proxecto atópase en exposición pública e ademais de promover estes dous parques, que cómpre destacar que non estaban previstos nas Áreas de Desenvolvemento Eólico de Galicia, o Ministerio pola Transición Ecolóxica tramita outros enormes parques nas serras orientais.
Ante este futuro eólico que nos agarda na comunidade galega, o BNG insta aos concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón a “reaccionar enerxicamente e amosar o rexeitamento a esta mole eólica que está a tramitar o Ministerio”. Por elo, pídelles aos servizos urbanísticos dos tres consistorios que emitan informes negativos sobre este novo proxecto que levaría a cabo a empresa con sede en Madrid, Green Capital Development XXVIII SL. , bautizado como Monte dos Porcallos e Val do Folgoso, por conlevar explican, grandes impactos ambientais, sociais e económicos, amais de non cumpriren coa distancia mínima estipulada de 500 metros entre os aeroxeneradores e as vivendas ou granxas.
O coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuíña mostrou tamén a súa inquietude polos proxectos que se comezan a coñecer de novos parques eólicos no concello lalinense, e que despois de falar con importantes empresarios do sector con persoas coñecedoras de primeira man da cuestión, pensa que hai «serios motivos para a preocupación».
Cuíña lembra que xa foi cando menos «sospeitoso» en termos políticos o descoñecemento que dixo ter da cuestión, no pasado Pleno, Crespo Iglesias ante unha moción por urxencia do BNG sobre esta materia. «É imposible que cos movementos que estamos vendo estes días da Consellería e a convocatoria exprés aos veciños afectados, Crespo non o soubese. Ademais presume de ser o Presidente da Federación de Municipios polas Enerxías Renovables de España, co cal é absolutamente incrible ese teórico descoñecemento». O Concello debe emitir un informe de impacto medioambiental, mais non licencia, cuestión que para o coordinador de CXL é outro motivo de preocupación, pois dubida que os técnicos de medioambiente do Concello poidan ter a capacitación para informar sobre unha cuestión tecnicamente tan complexa.
O PSdeG-PSOE de Lalín considera que o impacto de boa parte das propostas incluídas no proxecto do parque eólico denominado “Val do Folgoso-Monte dos Porcallos” «son inaceptables e non se deberían levar a cabo». Os socialistas móstranse a favor dunha transición enerxética xusta e do desenvolvemento de enerxías renovables,» sempre que teña lugar desde o equilibrio medioambiental, económico e social». Amais móstranse favorables a unha repotenciación dos parques eólicos existentes mediante a substitución dos actuais aeroxeradores por outros de maior potencia de modo que se produza máis enerxía sen afectar a novos territorios. Existen compromisos firmes dos parlamentos galego, español e europeo coa neutralidade climática e as renovables son un factor clave para acadar estes obxectivos sempre que non “pasen por enriba da xente” e afecten negativamente ao territorio e ao seu equilibrio.
O representante do BNG no parlamento español, Nestor Rego, visitou hoxe Lalín e anunciou que levará o asunto ao Congreso. O PP local tentaba responder ao verse só na súa defensa do proxecto, logo de que o alcalde puxese, por toda acción preventiva, a posibilidade de que finalmente «non se fixese porque aos promotores deixase de interesarlles», como única resposta días atrás.