-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Lalín incumpriu, en 2017, a obriga legal de remitir os seus contratos ao Consello de Contas
Fecha 21/05/2021
O Consello de Contas destaca un “alto grao de incumprimento” da obriga de remitir a este organismo a relación anual dos contratos formalizados, sendo Lalín unha das tres entidades directamente sinaladas. No informe de 2017, que se ven de facer público (correspondente ao anterior mandato), na sección “expedientes de contratación”, sinálase á capital de Deza como unha das tres galegas que “incumpriron a norma ao non remitir o extracto e a documentación esixida”, o que supón un incumprimento grave do artigo 29 da TRLCSP, que regula a obriga de rendición de contas por razón de volume do contrato (534.233 € neste caso).
Segundo expón no seu informe sobre a contratación do sector local de Galicia correspondente ao exercicio de 2017, o Consello de Contas destaca que, de 441 entidades que forman parte do sector público local de Galicia, unicamente 303 remiten a relación anual de contratos ou certificación negativa, o que constitúe un 68,71% do total. Polo tanto, o 31,29% “non remite ningunha información sobre a súa actividade contractual”.
Lalín, xunto a Vigo e A Capela, é unha das identidades locais identificadas que incumpriu a norma ao non remitir o extracto e a documentación esixida polo organismo, formalizando durante o exercicio de 2017, 24 expedientes de contratación por un importe de 29.404.218,92 euros. Porén, desta cifra, 22 expedientes (por un importe de 28,3 millóns) corresponden a Vigo. O Consello de Contas pide que os procedementos de adxudicación sexan axustados á normativa, mais recoñece que a información que se publica sobre as contratacións programadas é escasa. Polo tanto, insiste en que as entidades afectadas “deben adoptar medidas que garantan dito cumprimento nos prazos e forma indicada”.
Deste xeito, non só preocupa a ausencia de información sobre a actividade contractual, tamén existen problemas en canto aos prazos. Das 303 entidades que remiten a relación esixida pola lei, unicamente 58 deciden enviala dentro das datas establecidas polas institucións do Tribunal de Contas e o Consello de Contas. Pola contra, as 245 entidades restantes sáltanse o prazo.
Segundo a información relativa ao exercicio de 2017, as entidades locais galegas formalizaron 2.297 expedientes de contratación por un importe de 369.719.802,23 euros. O maior volume de contratación correspóndese cos concellos, tanto en número de contratos (un 80,06% do total) como en importes formalizados (un 77,65% do total). Por outra banda, o maior volume de contratación dase en contratos de servizos (43,03%), seguido dos contratos de obras (42,93%), dos de xestión de servizos públicos (9,77%) e, por último, dos de subministración (9,68%).
Fonte:
Imaxe: votación plenaria 2017