-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Lalín acolle na segunda semana de xullo o festival de clarinete máis importante do mundo
Fecha 06/07/2022
O próximo 15 de xullo comeza a terceira edición do Xacobeo Clarinet Fest, o festival máis importante de clarinetes a nivel mundial. O evento, que culminará o 23 de xullo cun gran concerto na Praza da Igrexa, terá lugar no Concello de Lalín. A idea do clarinetista lalinense Xocas Meijide, director artístico do proxecto, xorde da ambición por dar a coñecer o clarinete e levar a cabo un macro evento académico-cultural que reúna nesta localidade a recoñecidos músicos de diversas nacionalidades, prestixiosos directores de orquestra, pianistas acompañantes de renome internacional e as cinco mellores marcas de clarinetes a nivel mundial. Así, Lalín convertirase novamente como o templo do clarinete no mundo da música clásica e os eventos culturais.
O festival está enfocado a clarinetistas de todo o mundo que estean interesados en ampliar os seus coñecementos, recibindo clases e charlas de grandes mestres do clarinete. Ademais, terán a oportunidade de exhibir todos os seus coñecementos adquiridos en mostras que se farán ao longo da semana en Lalín. Para esta edición, co apoio do Concello de Lalín e a Xunta, asume a produción EsMúsica. En colaboración coa Academia Internacional de Clarinete de Galicia e o equipo de Xocas Meijide, poñen en marcha a organización desta terceira edición do festival, coa intención de multiplicar a magnitude do evento.
Ademais, o evento inclúe unha importante noticia para o público: aínda que non sexan músicos nin practicantes deste instrumento, poderán gozar dun gran número de concertos totalmente gratuítos durante toda a semana, onde se exporán pezas creadas e dirixidas por músicos profesionais como Vitor Matos, José Luis Estellés, Lorenzo Coppola, Michelle Anderson, Sergio Pires, José Franch Ballester ou Massimo Mazzone, entre moitos outros.
No festival participarán 19 mestres internacionais procedentes de España, Portugal, Francia, Reino Unido, Italia, Estados Unidos e Canadá. Por outra banda, hai 55 alumnos inscritos e serán 60 músicos os que integrarán a orquestra máis grande de clarinetes de Europa, formada por todos os músicos e profesores que participan no festival e dirixida por directores de renome internacional. Entre os participantes nos concertos destacan: Banda de Lalín, Xisco Feijó, Xacobeo Clarinet Orchestra, Xacobeo Clarinet Ensemble, Trío de rock e Éter ensemble entre outros, ademais dos propios concertos dos docentes.
Neste sentido, serán un total de 24 horas de música en directo con diferentes agrupacións, que actuarán en diversos puntos de lalín todos os días do festival ás 13:30h, 19:30h e 21:00h. Ademais, 290 horas estarán dedicadas ao ámbito lectivo, para que os alumnos poidan recibir clases dos mestres no festival. Por outra banda, 10 horas estarán dedicadas a exposicións e conferencias coa representación das principais marcas de clarinetes, mentres que 24 horas estarán destinadas a ensaios con alumnos e profesores nas distintas agrupacións formadas no festival.