-
lalin.net o teu portal de información
LALINENSES ILUSTRES
José García Oro: o mestre!
Fecha 03/08/2021José García Oro, máis coñecido como Padre Oro ou Profesor Oro, foi un historiador e sacerdote franciscano cunha intensa vida académica e literaria no convento compostelán de San Francisco. Naceu o 5 de setembro de 1931 no seo dunha familia de labradores na parroquia de Goiás. Despois de cursar os seus estudos nos seminarios franciscanos de Herbón, Ponteareas e Santiago, ingresou no ano 1949 na orde franciscana para, posteriormente, trasladarse a Roma e cursar estudos superiores de Teoloxía en Pontificia Università Antonianum e Historia Eclesiástica na Greroriana. Estes seis anos vivindo no Vaticano non só lle serviron para sacar adiante as dúas titulacións, senón tamén para investigar nos arquivos vaticanos sobre fitos e personaxes históricos. Ademais, tamén se interesou polo estudo crítico e científico de documentos, o que lle forneceu das primeiras experiencias para ensinar na Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Ao voltar a Santiago de Compostela, realizou a titulación civil e as correspondentes convalidacións académicas para licenciarse tamén en Filosofía e Letras. Cunha titulación máis, comezou o seu traballo na USC, á que lle dedicou un total de 45 anos da súa vida como axudante de profesor, profesor, opositor á praza e, finalmente, catedrático de Paleografía e Diplomática. Por Paleografía enténdese a ciencia historiográfica que ten por obxecto de estudo a escrita en xeral e, en particular, a evolución no tempo das formas gráficas e o seu modo de execución, así como factores tecnolóxicos, económicos, sociais, culturais, políticos, estéticos, etc. Pola súa banda, a Diplomática é a ciencia que estuda a tradición, a forma e a elaboración dos documentos. Durante os anos deste labor como catedrático, que comezou en 1983 e rematou en 2001, ano no que se xubilou, formou a centos de futuros de historiadores.
Ademais, durante esta época, escribiu máis de medio centenar de libros e colaborou en incontables traballos impresos. Editou os seus primeiros traballos na revista estudantil Liceo Franciscano, ós que sucede unha longa lista de libros, colaboracións e artigos. Algunhas das investigacións do Profesor Oro forman parte das lecturas obrigadas: La provincia franciscana de Santiago y la Inmaculada (1954), La reforma de los religiosos españoles en tiempos de los Reyes Católicos (1969), Cisneros y la reforma del clero español (1971), Diego de Muros III y la cultura gallega del siglo XV (1976), Galicia en los siglos XIV y XV (1987), Don Fernando de Andrade, Conde de Vilalba (1993), Historia da Igrexa galega (1994), Bayona y el espacio urbano tudense en el siglo XVI: estudio histórico y colección diplomática (1995), Felipe II y el Patronato Real en Castilla (2000), Cisneros, el cardenal de España (2002)…
Cando se retirou da docencia, residía e traballaba no convento de San Francisco. Alí, ademáis de oficiar a misa diaria, estaba ao cargo do importante arquivo franciscano, que reúne auténticas xoias dende tempos medievais. Co gallo da súa xubilación académica na USC, no libro homenaxe que se publicou dicíase que este era un recoñecemento «a su estilo humano y profesional y satisfecha –a Universidade– de su colaboración en la docencia y en la investigación». A súa brillante traxectoria deparoulle múltiples premios e recoñecementos. Ten recoñecidos polo Ministerio de Educación e Ciencia 5 tramos de investigación na área de Ciencias Técnicos Historiográficas.
O Profesor Oro gardaba un cariño especial pola, segundo as súas palabras, “pequena cidade de Lalín”, que visitaba con frecuencia para ver á súa familia e asistir ás “festas de parroquia”. Sempre dicía que sí ás peticións de colaboración profesional que se lle teñen dirixido dende a súa terra. Trátase dunha das figuras nacidas en Lalín con maior intelecto da nosa historia.
En xaneiro de 2019, José García Oro morre aos 87 anos de idade na casa sanatorio da localidade coruñesa de Noia. Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade calificouno como «unha das figuras máis destacadas nos eidos da Paleografía e a Diplomática e un dos profesores máis queridos no seo da universidade compostelá, particularmente na Facultade de Xeografía e Historia, vén de deixarnos». Un fillo ilustre que, segundo José Crespo (alcalde de Lalín), foi “un sabio da nosa época e unha eminencia no estudo e o coñecemento da nosa historia medieval”.
ENLACE DE INTERÉS (perfil elaborado para o fillos ilustres polo autor en 2012 no Convento de San Francisco):
https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2012/03/25/jose-garcia-oro-17673233.html