-
lalin.net o teu portal de información
LALINENSES ILUSTRES
Francisco Gil de Taboada
Fecha 17/01/2021Francisco Gil de Taboada Lemos y Villamarín pasa á historia militar española como Francisco Gil de Lemos ou Francisco Gil de Lemus. Con ámbolos dous nomes (e ocasionalmente co frei por diante, pola súa pertenza a unha orde relixiosa na súa xuventude) aparecen narradas as súas xestas e honras nos arquivos militares da Armada e nos seus nomeamentos oficiais da época; el mesmo asina con ámbalas dúas formas nos escritos de intercesión polo tenente xeneral José de Córdoba ante o Rei, por quen intercede o 23/12/1805 e o 6/1/1806 para repoñer a súa honra, categoría militar e emolumentos. Orixinario do Pazo de Des, en Soutolongo (1733), logo dunha intensa carreira militar con ducias de cargos, batallas e viaxes de exploración no Mediterráneo e nas Américas, foi nomeado vicerrei de Nova Granada e logo do Perú e ocupou case todos os cargos de relevancia na Mariña de Guerra da época, na que ingresou en 1752.
A súa carreira militar comeza con só 16 anos, cando ingresa como cabaleiro da Orde de San Juan de Jerusalén, que lle abre as portas á súa incorporación como gardamariña en Cádiz. Varios ascensos consecutivos achéganlle ó grao de capitán de navío en 1776 e permítenlle retornar a Galicia logo de ser nomeado capitán da Compañía de Gardamariñas do Ferrol. A súa meteórica carreira militar achégao á categoría de xefe de escuadra no 82, cando, a instancia de Antonio Valdés, ministro de Indias, é nomeado vicerrei, gobernador e capitán xeneral do Novo Reino de Granada, a finais de 1788, un territorio que abarcaba parte dos actuais Bogotá, Panamá, Colombia e Venezuela.
Non deberon ser poucos nin malos os seus servizos, pois no 89 ascende a tenente xeneral e con este grao pasa a desempeñar en 1790 o cargo de vicerrei do Perú, con competencia sobre amplos territorios do occidente, do centro e do sur de América. A administración de Gil de Taboada emprendeu unha serie de obras na capital do virreinato. Ordenou o uso de carretas para o recollo de lixo, e dispuxo que saísen os reos do cárcere público para que limpasen as acequias e sumidoiros da cidade. Promulgou o Bando das Campás, que regulamentaba a súa forma de dobrar en enterros e loitos. Ademais, amosou preocupación polos edificios públicos: reedificou as torres da catedral en 1793, e ocupouse da refacción do local das Caixas Reais e do paseo militar. En 1795, mellorou o recinto da Real Aduana, reparou a Secretaría de Cámara do virreinato, entre outras accións. En canto á orde interna, organizou un corpo de policía secreta para indagar sobre posibles simpatizantes e propagandistas da Revolución Francesa. No aspecto naval, creou en 1791 a Capitanía do Porto do Callao. Xa avanzado o seu período, fundou en 1794 unha Academia Náutica, a que tivo por primeiro director ao capitán de navío Agustín de Mendoza y Arguedas.
Foi un impulsor decidido da educación, da atención hospitalaria e das institucións de caridade nos territorios por el administrados. Diso dan boa fe as súas memorias e os escritos que se conservan con ordes e instrucións para un correcto funcionamento, como o dirixido aos responsables do Hospital de la Caridad de Lima, no que lles dicía: «Últimamente ordeno y mando que el capellán de semana asista con frecuencia a la enfermería, y con el traje que corresponda a su estado, exhortando caritativamente a las próximas a su fallecimiento a la conformidad, explicándoles el terrible paso a la eternidad, sin que tenga parte ni intervención en que se varíen las medicinas que ordenare el médico y cirujano, ni que se deje de poner el Santo Christo quando estos lo manden; y en su semana no salga del hospital con ningún pretexto, sin que en esto haya dispensa, lo que será responsable en su conciencia…»
Claro expoñente da Ilustración, a súa tarefa foi moito máis aló da administración das colonias (no seu territorio contábanse 728 minas de prata, 69 de ouro, 4 de mercurio, 12 de chumbo e 4 de cobre): fundou os primeiros xornais de América, como Mercurio, e a Escola Naval de Perú, colaborou coa investigación xeográfica, potenciou a Universidade e, baixo o seu mandato, realizáronse censos de poboación nos que xa se distinguían sexo, raza… Foi contemporáneo dalgúns dos grandes ilustrados da nosa historia, que deron nome a unha época. O seu mentor como vicerrei, o ministro de Indias e Mariña Antonio Valdés, tamén o foi da Expedición Científica Malaespina, que recalou nos portos do occidente americano gobernados por Francisco Gil de Taboada y Lemus, ou Lemos, como tamén aparece nos documentos da época.
Regresa a España e sométese ao «Juicio de Residencia» que establecían as Leyes de Indias, unha sorte de «proba do algodón» que determinaba a limpeza na xestión dos recursos públicos en beneficio da nación e da Coroa. O 20 de abril de 1803 a Real Orde ditada no Palacio Real de Aranjuez ratifica o seu nomeamento como director xeneral da Armada e pouco despois asumirá de forma interina a Secretaría de Estado e a Secretaría do Departamento de Mariña. O mesmo ano 1805 acada o grao de capitán xeneral da Real Armada de España.
No exercicio destes e doutros cargos produciuse o Motín de Aranjuez e posterior abdicación de Carlos IV a prol de Fernando VII, coa ratificación de Francisco Gil Taboada como ministro. Del escribiu o influínte e poderoso Conde de Toreno: «Continuó al frente de la marina don Francisco Gil de Taboada y Lemos, anciano respetable, de carácter entero y firme». Coa invasión dos franceses foi o único ministro do Goberno de España que se negou a seguir no «goberno títere» e na segunda invasión, xa octoxenario, negou xuramento de obediencia ó «rei intruso» José Bonaparte. O seu patriótico e honroso papel queda certificado nos libros, e incluso na novela histórica española… a máis recente «Un día de cólera» de Arturo Pérez-Reverte.
Despois de establecerse o réxime invasor de José Bonaparte, foi relevado do seu mando e retirouse da vida pública. Falece en Madrid en 1809 e entre os seus descendentes americanos cóntanse dúas ramas, a chilena, que chega aos nosos días co escritor e xornalista Antonio Gregorio Gil Íñiguez, e a arxentina, que tivo como máximos expoñentes os caudillos e gobernadores de Santiago del Estero: Antonio e Manuel Taboada. Un neto seu, Antonio Taboada Zapatero, foi o contraalmirante e heroe da Mariña do Perú.
Coa seguridade que dan as datas e a historia escrita, moitas das moedas de ouro agora recuperadas por España tralo xuízo contra a empresa Odyssey en Florida (EE. UU.) foron acuñadas (1796, coa efixie do Rei Carlos IV) en Lima con ouro procedente, entre outros, dos territorios administrados por Gil Taboada (como vicerrei do Novo Reino de Granada, primeiro, e do Perú, logo, até o mesmo 1796, ano en que regresa a España). Gil Taboada era xa director xeneral da Armada en 1804, cando un 5 de outubro os ingleses afundían a fragata Mercedes e, con ela, toneladas de ouro agora recuperadas.
P.D.: Francisco Gil é, con seguridade histórica, o lalinense que máis alto chegou nas estruturas políticas e militares de España. Ilustrado, coherente coas súas responsabilidades e leal ó Estado ante o invasor francés até os seus últimos días. Descoñecido para os veciños da vila que o viu nacer e non recoñecido polos que teñen a obriga de poñer en valor a súa historia, dende as responsabilidades públicas.