-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Compromiso pide ao concello mediar no conflicto cos traballadores do Colexio Sagrado Corazón e que se cumpra o ofertado pola empresa
Fecha 12/02/2021
A sociedade Scientia School, que xestiona o colexio Sagrado Corazón de Lalín, presentou na noite deste pasado mércores a documentación para aplicar un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) extintivo a quince dos 54 traballadores que conforman o plantel. Unha decisión que foi cuestionada polo comité de empresa que recalcaba que “os motivos económicos, productivos e técnicos esgrimidos na documentación remitida para aplicar a medida, non se sustentan na realdiade actual do centro”, e mostraban o seu rexeitamento ao ERE que consideran inxustificado.
Logo deste anuncio, o coordinador de Compromiso, Rafael Cuíña, pide que o concello “tome cartas no asunto” e medie no conflicto dos traballadores do colexio empregando “a política de xeito útil” e non para fins propagandísticos “sobre supostos logros como fixo o goberno local, durante o proceso de compra, vendendo supostas mediacións e éxitos finais, que o tempo demostra que non se correspondían coa realidade”.
Amais dende a formación recrimínanlle a Crespo Iglesias as súas declaracións ao respecto, nas que indicaba que agardaba que sexa “un ERE pequeno”. Lémbranlle que na oferta da empresa na subasta contemplaba manter o plantel do centro na súa totalidade, “cuestión que vemos que agora non se cumpre”.
Compromiso pide que o concello medie no conflicto dos traballadores do Sagrado Corazón pois trátase dun feito que afecta a centos de familiar de Lalín “ao ver mermada a calidade educativa dos seus fillos e fillas” pero tamén para defender aos traballadores que inxustamente se verán afectados por un ERE que “presuntamente non estaba na folla de ruta da empresa adquirente”. Engade Cuíña que «os traballadores e traballadoras do centro non poden quedar tirados ante decisións de unha empresa que presuntamente incumpre os acordos co que fixo a adquisición do negocio educativo”. Para o coordiandor da formación, “alguén mentíu, ou ben a empresa que fixo unha oferta que sabía que non podía cumplir” ou “Crespo Iglesias cando se atribuía éxitos de xestión neste proceso ou vendo o resultado final, directamente todos”.
Ante a postura do concello, o coordinador de Compromiso, proposta que comparte co BNG, di que “a única solución semella a intervención da Xunta de Galicia no conflicto” e que o Colexio Sagrado Corazón pase a formar parte da rede pública.