-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Alertan da tala de carballos en Casas Vellas e piden ao Concello tomar medidas no caso de non contar con autorización
Fecha 17/02/2021
A plataforma Salvemos Catasós ven alertando estes días que moi preto da fraga de Casas Vellas, en O Cardiego, se está a talar carballos de forma masiva. Lamentan amais que esta é unha mostra máis que “dende que o PP retornou ao goberno local nada se fixo por protexer este patrimonio que alberga espécimes arbóreos de gran calidade e ecosistemas moi relevantes con especies animais e vexetais vulnerables na lista da UICN”.
Amais da tala de carballos, na zona próxima á fraga de Casas Vellas, tamén se está a producir verquidos de residuos e escombros como o detectado estes días de Entroido nun camiño moi preto de onde se están levando a cabo os traballos da corta de árbores.
Piden ao Concello tomar as medidas legais pertinentes na tala de carballos
Ante estes feitos, esta mesma mañá, o concelleiro polo PSdeG-PSOE, Fernández Vázquez, solicitoulle ao concello de Lalín o acceso ás autorizacións para a dita tala, así como tamén para o uso dun espazo público para o acopio da madeira extraída, ou no seu defecto o certificado de inexistencia de ámbalas dúas licenzas.
Lembran dende a formación socialista que, tal e como ven denunciando Salvemos Catasós, a tala de carballos estáse levando a cabo nunha zona no entorno do Monumento Natural das Fragas de Catasós “e que debería terse declarado como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) ou como mínimo incluirse dentro do Plan de Conservación do monumento natural”.
Amais a oposición pídelle ao concello que lles informe sobre calquera tipo de medidas adoptadas no caso de que non existisen as autorización necesarias para esas tarefas, ou no caso de térselle concedido, o suposto incumprimento das mesmas por parte dos responsables da tala dos carballos. En calquera caso, solicítanlle ao goberno lalinense adoptar as medidas legais que procedan no caso de que esa tala masiva incurra en irregularidades.
Esta última petición, tamén a fixo pública a plataforma Salvemos Catasós e recórdanlle ao concello que “a súa obriga é protexer as zonas de especial valor ecolóxico así como non degradar aquelas en recuperación”. Piden un criterio claro de xestión medioambiental en Lalín que respecte o patrimonio natural por riba dos intereses económicos.