-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
A riqueza vai por barrios… ou por vilas
Fecha 31/05/2021Lalín é un dos municipios galegos con máis de 20.000 habitantes (condición que leva uns anos en risco) cunha menor renda anual por habitante (respecto aos seus homólogos españois, e incluso galegos), achegándose aos municipios que se atopan nunha situación menos favorable. Segundo os Indicadores Urban Audit para municipios maiores de 20.000 habitantes do Instituto Nacional de Estatística (INE), a poboación residente no municipio de Lalín en 2020 foi de 20.207 habitantes, a idade media da poboación sitúase en 48 anos, o número total de fogares é de 7.929 e un 93,11% da poboación total é nacional. Na infomación publicada polo INE a pasada semana dase conta das listas de municipios con maior e menor renda media anual do ano 2018 e, malia que o municipio lalinense non aparece, está máis preto das peores cifras e incluso ben por baixo da “franxa media” que vai dos 14 aos 17.000 segundo territorios.
Así, a renda media anual por habitante en Lalín (referenciada a 2018) foi de 9.785 euros, máis propia da listaxe de municipios con peor renda media anual por habitante dese ano publicada este días polo INE, estando Yecla na última posición (8.878 euros). Trátase dunha cifra tamén inferior aos municipios galegos máis próximos coa mesma condición de ter máis de 20.000 habitantes, como A Estrada ou Ames. A Estrada contaba en 2018 cunha renda media anual por habitante de 10.288 euros. Pola súa parte, Ames obtivo unha renda media anual por habitante no 2018 de 11.754 euros. Nos tres anos anteriores, o municipio lalinense obtivo cifras aínda inferiores: en 2017 a renda media anual foi de 9.343 euros; en 2016, de 9.001 euros; e en 2015, de 8.604 euros.
Dos 23 municipios que existen en Galicia con máis de 20.000 habitantes, Lalín atópase nunha das peores situacións en canto á renda media anual por habitante, sendo o penúltimo da lista. Neste caso, unicamente é superado de forma negativa por Ponteareas, que suma unha cifra de 9.636 euros ao ano por persoa. Canto á listaxe dos “máis ricos” entre membros do clube dos concellos de máis de 20.000, só aparecen Oleiros, A Coruña e Santiago, con 16.160, 14.016 e case 14.000 respectivamente.