-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
A RECLAMACIÓN DA AMBULANCIA MEDICALIZADA CHEGA (E REXÉITASE) AO PARLAMENTO
Fecha 03/06/2021
O BNG reclamou no Parlamento galego que a Xunta dote a Lalín, como cabeceira da comarca do Deza, dunha ambulancia medicalizada de Soporte Vital Avanzado (equipada 24 horas ao día 365 días ao ano con dous técnicos, 1 persoal de enfermería e 1 persoal facultativo) e que, no inmediato, recupere a ambulancia convencional de apoio na localidade que, a día de hoxe e por motivos descoñecidos, non está prestando asistencia.
A solicitude foi vetada polo grupo parlamentario popular, polo que a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, recriminoulle a súa incoherencia política, dado que o PP de Lalín vén de votar a favor hai uns días desta reivindicación no propio concello.
A portavoz cualificou esa postura de xogo para enganar á poboación “dicindo unha cousa nun lado e a contraria no outro, mentres os veciños e as veciñas de Lalín e a comarca seguen sen os recursos para recibir a atención que necesitan”.
Prado afirmou que se conta «tan só dous vehículos de Soporte Vital Básico, un localizado en Lalín e outro en Silleda». Neste sentido, advertiu de que «a ambulancia lalinense atende emerxencias nunha área duns 580 km2, cunha poboación dispersa e envellecida duns 26.000 habitantes, e con desprazamentos que poden chegar a 50 minutos e aos que logo hai que sumarlles o tempo de chegada ao CHUS, o hospital de referencia».
“Logo de votar en contra hoxe aquí no Parlamento, á dotación desta ambulancia medicalizada, esperamos que tamén teñan a valentía de presentarse diante da veciñanza de Lalín e da comarca para dicirlle que está perfectamente cuberta e que non ten nada polo que preocuparse”, concluíu.