-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
A LEY DE CAMBIO CLIMÁTICO VISTA DENDE LALÍN
Fecha 14/05/2021Boa parte do espectro parlamentario de esquerdas votou a nova Ley de Cambio Climático de España, que onte aprobou o Congreso, critícaa por falta de ambición, nomeadamente á hora de fixar obxectivos de recurte de emisións para esta década. O goberno déixao en máns de futuros gobernantes (“revisarase en 2023”).
Para analizar a nova lexislación, e ante o triunfalismo de uns (deputados e eurodeputados galegos á fronte), as dudas da esquerda (excepto PSOE) e o silencio doutros (populares), invitamos ao biólogo lalinense Martiño Nercellas, a axudarnos a analizar a norma e contar co seu parecer respecto desta nova Lei do Cambio climático.
Que opina da lei de Cambio climático que vén de aprobarse no Estado?
A aprobación da Lei de cambio climático debe valorarse de modo positivo, pero debe advertirse que precisará dunha maior profundidade de desenvolvemento normativo para cada un das moitas frontes que trata, presentándose esta cunha carga de compromiso e intencionalidade de actuar, pero quedando todo no aire e pendente de regulamentación. No modo no que se desenvolva é onde radicará o éxito ou o fracaso da mesma. Polo de pronto, xa estamos vendo un anticipo que preocupa, coma é o boom das renovables que chega desbocada e que agocha a chegada das plantas de hidróxeno verde do que pouco ou nada se explica abertamente. O reto de facer fronte ao cambio climático debe abordarse baixo fórmulas de estrita protección do ben xeral e común e deixando fóra da ecuación as vellas formas de depredación enerxética e dos recursos do territorio, que semella que a nova lei non logrará evitar.
Pero esta Lei preséntase coma unha boa oportunidade, precísase actuar, á vista das emisións de CO2 que actualmente soportamos, semella que estamos nun tempo de desconto?
Certo é que se trata dun paso importante, a descarbonización é un dos maiores retos aos que a poboación mundial se enfrontará nas próximas décadas, e os Estados levan décadas de retraso en actuar con determinación. O CO2 na atmósfera acada un récord de máis de 410 ppm, a última vez que se rexistrou na Terra unha concentración comparable ao momento actual foi fai entre tres e cinco millóns de anos, e a temperatura era entón entre tres dous e tres grados máis cálida e o nivel do mar entre 10 e 20 metros superior. Neste contexto avanzamos cara unhas décadas incertas e de alta vulnerabilidade e riscos, aos que a Lei se refire, e escenarios para os que tenta establecer medidas de mitigación. Logralo precisará dunha determinación contundente no desenvolvemento e aplicación da Lei.
Máis quedan moitas cuestións que afectan gravemente ao territorio e no modo que explotamos os seus recursos para os que, polo de agora, esta lei non proporcionará unha efectiva contención e freo. Incluso, baixo o amparo dos obxectivos da lei, poden afondar máis en determinadas problemáticas se a administración actúa de modo permisivo e con controis laxos, sobre todo en relación coa política forestal (intensiva), a economía circular relacionada cos residuos, ou favorecendo un desenvolvemento enerxético das renovables desenfreado, favorable aos intereses dos especuladores enerxéticos, como por exemplo vemos, cos parques eólicos que pretenden instalarse na comarca.
Poña exemplos, por favor!
A eucaliptización do territorio, ocupando miles e miles de hectáreas, moitas delas dun modo desordeado e ou descontrolado, debería considerarse, dende a entrada da lei, coma un uso forestal de alto risco, e en moitas zonas crítico, capaz de someter ao territorio a unha alta vulnerabilidade climática. Neste sentido queda por comprobar como se aplicará o artigo 25 da lei, sobre desenvolvemento rural: política agraria, política forestal e enerxías renovables, ao respecto de como reducir o seu impacto dentro da planificación forestal, e como se contemplarán nos “mapas de vulnerabilidade”. Mal comezamos se a eucaliptización tenta suavizarse co discurso das chamadas “externalidades positivas” do sector forestal, prevista no artigo seguinte, pois moitos defenderanos coma cultivos con capacidade de captación de CO2, en base a unha interpretación interesada e sobre todo parcial de todo o que implica a cadea produtiva da industria do eucalipto.
Cando se refire a que deberán regulamentarse aspectos concretos da lei, podemos pensar no encaixe que terá, por exemplo, a nova Lei de Residuos e solos contaminados en fase de tramitación?
Cando a lei fala de economía circular, no reaproveitamento e ou revalorización dos residuos, ou aproveitamento do biogás a partir deles… para que isto non sexa unha quimera, deberanse acometer grandes cambios normativos na xestión dos residuos. Aí está, nestes momentos debaténdose o anteproxecto da LRSC, que recolle aspectos que non convencen, e menos se temos en conta a nova Lei de Cambio Climático que recolle boas intencións pero non trasladados a LRSC. As incineradoras son grandes “fábricas de cambio climático” e de contaminación ambiental, e sen embargo seguen a ser a aposta principal de moitas Administracións. A Xunta xa fala dunha segunda incineradora, e vaille o esforzo en superprotexer este modelo fronte a calquera outras opción, a pesar de estar entre as máis daniñas na xerarquía de xestión dos residuos.
Fálase moito da economía circular, e esta lei establécea coma unha das prioridades, pero cos residuos constátase que a maioría das plantas de recuperación de residuos son un coadoiro e porta traseira para favorecer a eliminación en vertedoiro de miles de toneladas de todo tipo de residuos, e cunhas taxas de recuperación baixísimas ou nulas. Rechamante é o caso dos ocos de canteiras, que aproveitándose dunha normativa específica de restauración ambiental, acompañada dunha laxa inspección e control do que alí se fai, propicia que acaben converténdose en potentes vertedoiros que acaban causando auténticos estropicios e focos de contaminación. Para que a lei de cambio climático, no respecto a este eido, acabe recollendo os seus froitos, a normativa vixente terá que revisarse e reforzarse moito no sentido de evitar que acaben funcionando coma vertedoiros encubertos e a tibieza e relaxación nos mecanismos de inspección e vixilancia.
A Lei trata con detalle a vulnerabilidade dos recursos hídricos fronte un escenario de cambio climático que pode xerar importantes riscos de seguridade, que nos pode dicir disto?
Con relación aos rios hai dous artigos da lei que seguramente colidirán entre si, e, pode darse que o alcance dun maior éxito na consecución dos obxectivos dun levará a condicionar logros do outro. O artigo 7, sobre xeración eléctrica en dominio público hidráulico, deixa o camiño expedito ás centrais hidroeléctricas reversibles, que na práctica pode converter moitos ríos, caso dos presentes na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, coma circuítos pechados de retorno permanente de caudal, bombeando o caudal liberado tras as turbinas, novamente a unha cota superior, para novamente ser aproveitado. Iso na práctica condicionará, para moitas bacías, incluso integradas en Rede Natura 2000, o alcance dos obxectivos do artigo 19, de acadar a protección da biodiversidade na planificación e xestión hidrolóxica, ou a previsión do artigo 24, no referido as medidas a establecer a “Estratexia Estatal de Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración ecolóxicas”, considerando os ríos coma elementos de alta conectividade entre espazos de alto valor ecolóxico segundo o previsto no artigo 10 da Directiva de Hábitats.
E que pasa coas renovables, unha das grandes apostas da Lei?
Outro aspecto delicado na aplicación da Lei e como lograr os ambiciosos obxectivos de produción de enerxía eléctrica a través das renovables. Caso por exemplo da eólica, que volve experimentar un momento de especial relevancia, pois os plans de incremento de produción para as próximas décadas pasan a convertela en estratéxica e aposta principal, con dúas metas de referencia, o ano 2030 e o 2050. Máis parece que se esquece que a súa consecución debe facerse dun modo harmonioso e equilibrado co territorio, que debe ser extremadamente respectuoso co patrimonio natural, coa súa biodiversidade, e coas persoas que viven en áreas rurais. Neste sentido, opino que hai un aspecto que está cegando a administración, que a toda costa soña coa suposta revolución enerxética que se agarda das plantas de hidróxeno verde, sen darse a transparencia e debate do que este tipo de plans enerxéticos implican. Un deles que precisan do seu acoplamento a unha produción enerxética, a partir de renovables, moi potente, o que explica este repentino e brusco interese eólico e fotovoltaico para poder chegar a tempo, antes do 2030. E nisto falta, pararse a planificar con rigor e debidamente como debe facerse, e non lanzarse a tropel sen medir consecuencias inmediatas, como as que agora estamos vendo.
É dicir, este desenvolvemento parece que contravén o camiño cara unha transición xusta e “democrática”?
Exacto, semella que vai contra o propio Título VI da Lei, que procura que as políticas industriais, agrarias e forestais, e de protección do territorio se fagan dun modo equilibrado que garantan un tratamento equitativo e solidario a traballadores e territorios en dita transición.
Sen esquecer que o rural debe ser entendido tamén como estás áreas vulnerables de transición.É importante dicir que este desenvolvemento non desprace e condicione as posibilidades doutras actividades no medio rural e no mar, máis xustas e sostibles para quen alí reside, e iso debe contemplarse coma un elementos a protexer na transición xusta da que fala a lei. Polo momento, o que nestes momentos estamos vendo, no actuar da Administración Xeral do Estado e da Xunta, con respecto as concesións eólicas, é un auténtico desastre e un despropósito. Estamos ante unha auténtica guerra eólica sen cuartel para repartir concesións no territorio, de maneira descoordinada e desordenada, cunha administración actuando a marxe de planificación eólica autonómica, e outra, tirando dunha máis que desfasada e inservible planificación. Preocupa que, moi probablemente, os abusos especulativos da eólica terrestre se repitan, no momento de darse o pistoletazo de saída, cos parques mariños no noso litoral, no que para nada se ten traballado e afondado coas comunidades pesqueiras locais como se van compatibilizar actividades, cando xa dentro do sector eólico son un clamor a presentación dos primeiros proxectos mariños. Quen paga todo isto é o noso territorio, a maneira de facer un uso sostible e seguro deste recurso, a poboación local, e a biodiversidade.
Sendo vostede de Lalín, coma caso práctico, como afecta a aprobación da Lei a este concello?
Por suposto terá implicacións prácticas inmediatas, que se presentan coma unha oportunidade e unha mellora para quen tendo responsabilidades saiba velas. Máis tamén chega coma un toque ou aviso da obrigatoriedade de actuar en determinados ámbitos para os que ata o de agora pouco ou nada se fixo, ou incluso, foise en dirección contraria.
Coma oportunidade, e dado que estamos nun Concello que supera os 20.000 habitantes, Lalín pode incorporarse aos programas de promoción de mobilidade sen emisións e transporte, previsto no artigo 14. Deberíase comezar a traballar na elaboración dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible, cun horizonte posto no ano 2023, no que introducir medidas de mitigación na redución de emisións derivadas da mobilidade incluíndo, ao menos, medidas como:
O establecemento de zonas de baixas emisións, que pasa por retomar o modelo ambicioso de zonas peonís pechadas ao tráfico dentro da malla urbana, coma o iniciado no anterior mandato. Medidas para facilitar os desprazamentos a pé, en bicicleta ou outros medios de transporte activo, asociándoos con hábitos de vida saudables. Así coma corredores verdes intraurbanos que conecten os espazos verdes coas zonas verdes periurbanas. Neste sentido os proxectos configurados no EDUSI SUMMA preséntanse coma un adianto destas medidas, máis débese afondar neste tipo de propostas, incluso incorporando novas iniciativas, aproveitando que xa existen recursos orzamentarios aprobados. Un reto pasa por incorporar medidas para a mellora e uso da rede de transporte público, neste caso deseñando unha rede de transporte pública dinámica e atractiva para tódalas persoas usuarias entre o rural e o centro de Lalín. O desenvolvemento ambicioso dunha rede de puntos de recarga que favorezan unha rápida incorporación de quen decida optar pola adquisición de transportes eléctricos privados, así coma impulsar medidas de impulso da mobilidade eléctrica dende o rural, ou a mobilidade eléctrica compartida. Ou contar cun plan con medidas específicas para mellorar a calidade do aire ao redor de centros escolares, sanitarios, parques de ocio, sanitarios ou outros de especial sensibilidade.
A seguridade hídrica para o futuro tamén está contemplada na Lei?
Coma chamada de atención, o Concello non debe permanecer alleo ao disposto no artigo 19 da lei, referido as consideracións do cambio climático na planificación e xestión da auga. Asunto que na Lei merece unha especial atención, dado que a lei outórgalle ao “ben auga” suma relevancia pola súa vulnerabilidade coma recurso, e por unha cuestión de seguridade hídrica para as persoas e para a protección da biodiversidade. Remarca a lei que a planificación e xestión da auga debe adecuarse ás directrices e medidas dunha Estratexia da Auga para a Transición Ecolóxica a aprobar no prazo dun ano. Sobresaíndo que a xestión da auga debe efectuarse dun modo coherente, considerando e actuando ante os “riscos derivados dos impactos previsibles sobre os réximes de caudais hidrolóxicos, os recursos dispoñibles dos acuíferos, os riscos asociado ao cambio climático en relación a ocorrencia de secas e enchentes, a contaminación, os requirimentos de auga por parte de actividades económicas. Co obxecto de abordar os riscos citados, a planificación e xestión hidrolóxica deberá abordar os impactos previsibles do cambio climático sobre os ríos e os acuíferos, identificando e analizando o nivel de vulnerabilidade das actividades socios-económicas e os ecosistemas, e desenvolvéndose medidas que diminúan tal exposición e vulnerabilidade. Considerar e incluír na planificación hídrica os impactos derivados do cambio climático, determinar a adaptación necesaria dos usos da auga compatibles cos recursos dispoñibles, e incluír aquelas actuacións cuxa finalidade expresa consista en mellorar a seguridade hídrica mediante a redución da exposición e a vulnerabilidade coa que manter as condicións de bo estado das masas de auga.
E neste sentido, o escenario dunha nova captación de auga no río Deza, coma alternativa á renuncia de actuar fronte aos problemas actuais cos que conta o abastecemento da poboación de Lalín, afectada por unha grave exposición á contaminación difusa tolerada procedente de actividades gandeiras, para as que simplemente prefírese non actuar contravindo a normativa, ou que se prefira non modernizar a rede de reparto e abastecemento, totalmente obsoleta, cun perdidas de máis do 30%, pois, constitúe a representación de que Lalín, polo de agora, non está por sumarse ás previsións dispostas neste artigo 19 da Lei do Cambio Climático. Tratándose dunha proposta que obrigará a diferir a adopción de medidas urxentes para a próxima década, sendo un parche caro que nos aboca cara o futuro a unha maior inseguridade no abastecemento, aínda que nestes momentos aparente ser unha boa opción a non discutir.