-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
A Encomenda do Cocido sumou onte 16 novos membros, entre os que figuran 12 chefs con 29 Estrelas Michelín
Fecha 10/08/2021A casa da familia Rial de Negreira, propietaria do restaurante Casa Barqueiro, acolleu onte ao mediodía a celebración dun Capítulo Xeral Extraordinario da Encomenda do Cocido no que foron distinguidos 16 novos encomendadores entre os que se atopaban 12 chefs de restaurantes que suman 29 Estrelas Michelín. O Gran Comendador e alcalde de Lalín, José Crespo, explicou días antes da celebración que se trataba dunha “oportunidade que xurdiu con motivo do evento solidario que organiza o Restaurante Casa Barqueiro de Negreira a favor de Cáritas Santiago, coa colaboración do Xacobeo, e que permitiranos potenciar aínda máis a Lalín como referente gastronómico e axudará a proxectar nacional e internacionalmente o noso cocido”. Ademais, explicou que o nomeamento como comendador “non deixa de ser unha distinción simbólica, pero o feito de vincular dalgún xeito a Lalín a varios dos mellores cociñeiros/as de España vainos dar xogo no futuro”.
José Crespo foi o encargado de presentar o acto e de impor a cullerón da Encomenda aos novos membros. Ademais, contou coa presenza dos tamén comendadores Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, que foi o encargado de entregar as capas a todos os nomeados, e do pintor Antón Lamazares, que lles entregou os correspondentes diplomas tras asinar no Libro da Encomenda.
O acto de distinción dos novos comendadores comezou polos irmáns Rogelio e Fran Rial, do Restaurante Casa Barqueiro de Negreira, que exerceron como anfitrións do evento aproveitando a gala solidaria que organizan anualmente para recaudar fondos a prol de Cáritas Santiago. O Capítulo Xeral continuou co nomeamento como comendador do empresario e escritor Alberto Barciela, antes de pasar á relación de chefs de restaurantes que suman 29 Estrelas Michelín: Eneko Atxa, Jesús Sánchez, os irmáns Sergio e Javier Torres, Nacho Manzano, Ígor Zalakaín, Javier Olleros, Lucía Freitas, Manuel Costiña, Miguel González, Jordi Cruz e Elena Arzak. A esta relación uniuse tamén o “sumiller” Valerio Carrera, do madrileño restaurante A´Barra. Por outra banda, David de Jorge e Marcos Granda desculparon a súa ausencia por imprevistos de última hora.
Malia que a Encomenda do Cocido é unha iniciativa desvinculada a nivel administrativo do Concello de Lalín, o alcalde do municipio informou estes días aos voceiros dos grupos da oposición sobre “esta oportunidade de promoción do cocido” para avanzarlles que “non custará un euro ao Concello de Lalín”. Ademais, agradeceu a “boa receptividade e sintonía, a pesares das diferencias de criterio sobre a Encomenda”.