-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Solicitan que o concello se solidarice cos traballadores do colexio Sagrado Corazón e esixa á empresa retirar o ERE presentado
Fecha 16/02/2021
Hai menos dunha semana que a sociedade “Scientia School”, responsable da xestión do colexio Sagrado Corazón de Lalín, presentou a documentación para aplicar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo a 15 dos 54 traballadores que conforman o plantel. As reaccións ante esta “sorpresiva” actuación por parte da empresa non se fixeron esperar, pois con elo incumpre os acordos ofertados na subasta, e a formación de Compromiso de Lalín manifestaba neses días o seu malestar e esixía o posicionamento do concello para salvagardar os postos de traballo e polo tanto tamén unha educación de calidade.
Agora, tanto Compromiso como o BNG lalinense, mostran o seu apoio aos traballadores afectados do centro, xunto coa CIG, e demandan unha “solución a unha situación intolerable, e que prexudica á calidade da ensinanza dos nenos e nenas do noso Concello, o cal é indefendible”, apuntan. Piden que o concello medie no conflicto e que esixa á empresa retirar o ERE presentado por incumprir os acordos acadados durante a subasta do Colexio Sagrado Corazón.
As demandas por un ensino de calidade e a protección dos postos de traballo
As dúas formacións solicitan que o Pleno do Concello de Lalín “se solidarice coa situación das traballadoras, ofrecéndose a mediar no seu conflicto laboral” e que inste á empresa “Scientia School” que cumpra co ofertado na subasta, e retire a súa intención de efectuar un ERE a 15 persoas, pois lémbranlle ao goberno local que deste xeito “está a incumprir o ofertado” pola empresa.
Amais, e de acordo co xa anunciado a pasada semana tanto por Compromiso como polo BNG, pídenlle ao Goberno de Lalín que “traslade á Consellería de Educación a necesidade de incluir a este centro, en vista da situación, na rede de centros públicos de Galicia”. Unhas demandas que segundo a oposición, son importantes “dado que a educación dos nenos e nenas de Lalín é unha prioridade independentemente da natureza pública ou concertada do centro”.
“Episodios lamentables“que afectan ao funcionamento do centro educativo
No comunicado emitido polas dúas formacións políticas de Lalín, lembran que “durante o pasado ano, o Colexio Sagrado Corazón de Lalín vivíu unha serie de episodios lamentables, que afectaron directamente aos seus traballadores e traballadoras, nos que os seus dereitos laborais víronse pisoteados”. Unha situación, din, que afectou á súa vez, “a unha comunidade educativa en permanente tensión, o cal sempre acaba tendo consecuencias para o alumnado”.
“Una xestión deficiente por parte da empresa”, engaden, que logo “dunha chea de vicisitudes, unha subasta determinou que a empresa “Scientia School” asuma a xestión do colexio, ofertando unha serie de cuestións para gañar a puxa, entre as que estaban manter á actual plantilla”. Un acordo que se incumpre no momento en que presentou a documentación para efectuar un ERE aos 15 traballadores do centro, un feito que as dúas formacións políticas califican de “inxusto, innecesario e improcedente”.