-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
O Club Atletismo Deza bate récord de participación en campionatos e carreiras
Fecha 08/06/2022O Club Atletismo Deza, xurdido no ano 2001 para potenciar o atletismo na comarca do Deza, ven de estar a pasada fin de semana en diversos campionatos e carreiras cun alto grao de participación en todos eles. O venres 3 formou parte da nova edición da Carreira Popular Verde de Silleda, na que algúns dos seus atletas obtiveron galardóns.
Pola súa parte, o sábado 4, o club participou con 25 deportistas nos Campionatos Provinciais Benxamín (Sub10) e Alevín (Sub12). Na primera categoría conseguíronse as seguintes medallas: terceiro posto oen pelota para Xoán Peón; segundo posto en lonxitude para Jade Félez; segundo posto en pelota para Martina; e nas probas femininas de relevos obtiveron o terceiro posto. Nesa mesma xornada, as atletas Marta Lázara e Antía Framiñán competiron na Copa Deputación de Lugo, acadando o primeiro e o segundo posto, respectivamente, en lanzamento de xavelina. Ademais, numerosos deportistas formaron parte das carreiras que se levaron a cabo no PequeTrail (no marco do Trail de Vilatuxe) que organizou o GTR, “club ao que queremos felicitar pola impecable organización do evento”, afirma o Club Atletismo Deza.
En canto á xornada do domingo 5, tiveron lugar os Campionatos Galegos Sub10 - Sub12 pola mañá e Sub14 pola tarde. Nestas probas, Martiño Rivas obtivo un segundo posto en 80 metros valados (na categoría Sub10); e Beltrán Rivas obtivo o mesmo posto en salto de lonxitude (na categoría Sub14). O Club indica que “mostrámonos satisfeitos, principalmente, pola alta participación, xa que estar admitidos tantos deportistas nestas probas é mostra do gran labor que se está a facer desde a Escola. Ademais, estamos orgullosos dos galardóns acadados”.