-
lalin.net o teu portal de información
OPINIÓN
MEDIO ANO DESPOIS… SEGUIMOS!
Fecha 27/06/2021… estamos satisfeitos. Medio ano despois de poñer en marcha a páxina web lalin.net, e logo de dous anos largos de unha certa intensidade na actividade da páxina de Facebook homónima, que acada xa os 3000 seguidores, e o que é máis importante, uns alcances das publicacións realizadas de entre 10 e 20.000 persoas (cada 28 días, período de medición Facebook).
Dicíamos no noso EDITORAL de estrea que este “soporte de comunicación” era un lugar “dende o que compartir novas e todo tipo de cuestións… só é condición que sexan de interese xeral ou de servizo”. Do mesmo xeito, subliñabamos que “Medioambiente e temas socio – sanitarios (terceira idade, menores, sanidade…) serán asuntos prioritarios. E por suposto medio rural e turismo…”
O noso horizonte non pasa por ser competencia de ninguén, nin de adiantarnos a outros, nin de producir cantidades “asobaiantes” de información… como tamén subliñamos entón: “Por riba de calquera outra consideración o noso obxectivo fundacional é contribuír a unha sociedade crítica co que lle rodea e afecta. Carecemos de vínculos políticos ou de afiliación de calquera tipo e consideramos unha prioridade o dereito a informar e opinar (dende o respecto e a profesionalidade, como comunicadores de profesión que somos) e a participar de xeito activo nos procesos de decisión”.
A piques de cumprir seis meses de actividade da web, está plenamente consolidado o proxecto, afrontaremos unha segunda fase logo do verán; pero estes días xa empezaremos a publicar informacións de servizo público que os seguidores nos teñen suxerido incorporar… Pero os nosos obxectivos seguirán sendo os mesmos: aportar, contribuír, compartir, apoiar…
Aportar contidos con claro senso informativo, poucas publicacións pero con calado, habitualmente cuestións non abordadas por outros medios.
Contribuír a espertar e avivar conciencias críticas da nosa veciñanza, respecto das estructuras de poder e xestión pública… pero tamén das deficiencias dos representantes políticos (sexan goberno, oposición ou aspirantes, nomeadamente no eido ambiental).
Apoiar, a aqueles que fagan algo polo progreso sostible de Lalín, que ambicionen un progreso respectuoso co medio ambiente e os dereitos sociais… e que “non miren para outro lado”.
Compartir, aquelas informacións, novidades, opinións… que (sendo publicadas por calquera medio ou soporte de comunicación) aporten algo aos tres obxectivos anteriores.
Seguimos… GRAZAS!