-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
CxL pide explicacións polo escándalo da exposición de obras falsificadas de Maruja Mallo
Fecha 26/05/2021Compromiso por Lalín solicitará no vindeiro pleno que o alcalde de Lalín e a concelleira de cultura den conta do acontecido co caso das obras falsificadas expostas no Museo Municipal e que se desculpe ante a veciñanza. Ademáis pide reprobar á concelleira de cultura Begoña Blanco, por non dar explicacións sobre este escándalo, Concelleira á que acusan de «deixación de funcións» .
Compromiso lembra que «o mes de Xaneiro do pasado ano, inaugurábase no Museo de Lalin unha exposición de arte, adicada ás obras de dous autores senlleiros con raíces nas dúas beiras do Atlántico, como son a grande Maruja Mallo, e Luis Seoane. Foron 43 obras en óleos e acuarelas de dous artistas que tiveron que sufrir o exilio por culpa da Ditadura fascista de Francisco Franco, e que desenvolveron grande parte da súa obra na Arxentina, sendo alí recoñecidos por unha sociedade ávida de artistas, e culturalmente viva, aínda que como sabemos, Seoane xa nacera na “quinta provincia” galega, que é o fermoso Bos Aires».
Acusan a José Crespo de manter un «cotiá intento propagandístico de vender un produto, sen mirar as súas contraindicacións» y denuncia que «chegou a pedir publicamente ao Conselleiro que “dada a importancia da exposición”, esta rotara por outros Concellos de Galicia, tendo claro, como non, que en Lalín fora a orixe de tan “magno” evento».
En Marzo do presente ano, un grupo de expertos emitía un informe que remitía á Real Academia de Belas Artes, encargado pola propia familia de Mallo, asegurando que as obras expostas en Lalín eran falsas. Segundo o informe, non hai referencia algunha a esas pezas no seu arquivo, nin en centos de artigos sobre o seu traballo, e cualificaba de “incoherentes” os seus elementos pictóricos, e carentes da “esixencia técnica” da pintora.
Para Compromiso, tanto o «alcalde como a responsable de cultura do Concello, permanecen agora en silencio e sen dar explicacións á veciñanza de Lalín ante un escándalo que está deixando en un mal lugar ao noso pobo, envolto nunha polémica internacional que so a teima do goberno de Lalín fixo que a día de hoxe aínda non remate».