-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Compromiso por Lalín pon unha queixa ao Concello por dificultar o acceso a expedientes de contratación
Fecha 31/08/2021O Grupo Municipal de Compromiso por Lalín eleva unha queixa ao Concello “debido á dificultade para o acceso a expedientes de contratación solicitados, e que se repite xa varias veces, conculcando os nosos dereitos para fiscalizar a labor do goberno, encomendada polo pobo de Lalín”. Segundo a organización, “ao recabar información sobre o contrato de acondicionamento da pista multiusos do Lalín Arena, un decreto da Alcaldía decretou o acceso o pasado 27 de Agosto, o cal xa nos resultou estraño, xa que é o día de celebración do Pleno, deixándonos sen tempo material para facelo”.
A organización explica que, ese mesmo día, as concelleiras Teresa Varela e Ana Varela solicitaron acceder ao expediente, mais varios funcionarios dixéronlles que non tiñan coñecemento desa circunstancia. Polo tanto, non tiñan preparada a documentación, ademais de atoparse de vacacións o traballador municipal encargado do expediente. Isto foi comunicado ao concelleiro responsable da materia durante o Pleno, Avelino Souto, “que amablemente atendeu ás concelleiras, dicindo que se ía emitir un novo decreto para o acceso, que a día de hoxe non consta na nosa formación”, afirma o Grupo Municipal.
Compromiso por Lalín quere deixar claro que tras todo isto ve “un episodio escuro na contratación, lembrando que das tres ofertas presentadas, dúas excedían curiosamente a cantidade ofertada, co cal quedaron fóra da contratación, adxudicándose directamente a outra que estaba no límite”. A organización cre que tantas dificultades para poder acceder ao expediente só poden ser pola circunstancia dun concurso e contrato presuntamente dirixido por parte do goberno de Lalín. E, en caso de ser así, “sería grave e con serios visos de presunta ilegalidade”. Polo tanto, esixe que se dean explicación de xeito inmediato, ademais de anunciar a petición de comparecencia en Pleno de Avelino Souto, “ante as evidencias de tentar dificultar a nosa labor de oposición”.