-
lalin.net o teu portal de información
NOVAS
Avisan que gran parte dos negocios da hostalaría e do comercio lalinense quedarán fóra do Plan Rescate da Xunta
Fecha 23/02/2021
O grupo municipal do PSdeG-PSOE avisa que gran parte dos negocios da hostalaría e do comercio lalinense quedarán fóra do segundo plan de rescate da Xunta de Galicia por non cumprir cun dos principais requisitos do programa: acreditar, como mínimo, unhas perdas do 45% no 2020 con respecto ao facturado en 2019.
En Lalín, uns 30 establecementos de hostalaría están ou estiveron dando servicio para levar ao longo do 2020. “Evidentemente eses establecementos non facturan o mesmo ca se estiveran abertos, polo que teñen evidentes perdas nos seus ingresos, pero en moitos casos non serán superiores aos 45% e a gran maioría dos establecementos que estiveron abertos quedará fóra das axudas”, sinalan os socialistas lalinenses.
Apuntan amais que “probablemente tampouco superen o 45% de perdas aqueles negocios (especialmente os restaurantes) que traballaron o cocido ata o 14 de marzo de 2019”, pois neses algo máis de dous meses primeiros do 2019 os ingresos foran bos, “e globalmente no 2020 non superan o 45% de perda de ingresos respecto ao 2019 e tamén quedarán fóra”. Tampouco os estiveran pechados nos distintos confinamentos e non serviran para levar, contando os ingresos ata o 14 de marzo e especialmente os que contan con terrazas, “os ingresos do verán, facilmente baixan do 45% de perda” e polo tanto quedarían excluídos, o mesmo que os establecementos comerciais que realizaron unha aceptable campaña de nadal debido ao peche perimetal doutros concellos.
Ante esta situación, os socialistas anuncian que non descartan levar unha moción ao próximo pleno e solicitan que “se realicen un ou máis tramos de axudas para os que están por debaixo dese 45% de perdas de ingresos”. Por elo piden tamén que na comparativa de ingresos do 2020 co 2019 se eliminen os meses de xaneiro e febreiro como mínimo (ou o primeiro trimestre, no caso de que os ingresos se computen trimestralmente). Amais, recordan que unha boa parte das axudas do primeiro plan aínda están sen pagar.