-
lalin.net o teu portal de información
LALINENSES ILUSTRES
As ilustres en feminino
Fecha 04/11/2021O Dicionario da RAE fixa ilustre como o adxectivo que outorga distinguida prosapia, pero tamén define a persoa insigne, célebre… cuxa vida e obra transcenden o momento que lle toca vivir. En Fillos Ilustres queremos invocar o artigo feminino e non dar por bo o que a historia nos parece querer contar (ou non contar) de a quen facemos merecedores de tales adxectivos. Unha sociedade machista durante séculos trouxo como consecuencia a ausencia de proxección das mulleres lalinenses na súa historia. Dende a educación até a empresa, pasando polas artes, os movementos asociativos ou a política, Lalín foi e é terreo fértil para non poucas féminas que merecen un lugar entre os que o seu exemplo profesional ou persoal os sitúa como referente social desta terra.
Moitas teñen sido as mestras que deixaron a súa pegada intelectual nos e nas lalinenses de onte e hoxe. Maruja Gutiérrez, educadora e empresaria, é un dos exemplos que podería encarnar a importancia deste colectivo. Naceu en Lalín, o 16 de xuño 1908, formouse en terras pontevedresas nas Doroteas e na «escola normal». Foi titulada en Maxisterio cando o reinado de Alfonso XIII tocaba a súa fin e desempeñou a súa tarefa en destinos da provincia de Ourense e nas «clases privadas». A súa vocación docente, aderezada cun grande espírito emprendedor, levouna a fundar con Ramón Aller, no 39, o Colexio do Sagrado Corazón no «Hospitalillo» –o actual Instituto Laxeiro de Lalín–, cuxas pedras foron muda testemuña doutros vinte e cinco anos de formación de centos de veciños de toda a comarca, sementando neles un futuro ilustrado e, en moitas ocasións, unha profesión que moitos nin albiscaban na súa infancia. Morreu en 2003 e dela fica unha lembranza de persoa solidaria, cunha gran capacidade de sacrificio e traballo, de vocación incansable e sensible coas necesidades de formación da súa veciñanza.
No campo, a muller foi a mantedora dunha gran parte das explotacións gandeiras de Deza, cando os pais, os maridos e os fillos desertaron do arado para traballar na construción ou nas empresas de servizos das vilas e incluso emigrar por un tempo deixando terras, gando e ata fillos a cargo de esposas e nais. Moitas, convertidas á forza en pequenas empresarias, tiveron ademais activa participación en procesos cooperativos. Anónimas nun sector anónimo e nunca recoñecido.
Na gastronomía, a capital de Deza ten unha materia pendente de recoñecemento en dúas mulleres, nai e filla, Amelia Vilar e Teresa, durante décadas á fronte de Casa Abeledo. Foi este o templo do cocido ata que moitos restaurantes e casas de comidas «subiron» a un carro que para os de fóra tivo neste establecemento a súa referencia. Casa Abeledo, na época da case centenaria Amelia, foi parada e fonda de arrieiros que percorrían o camiño entre Ourense e Compostela. Eran os tempos, entre outros, do estraperlo, que serviu para longas sobremesas na cociña na que moitos comensais recibiron auténticas leccións da boca da matriarca familiar, hoxe recordada como a súa filla. Por outra banda, malia a citada falla de proxección da muller en épocas pretéritas, ningún ámbito se pechou nin se pecha por completo a estas. Tampouco a pintura e as demais artes. Algún exemplo queda representado por Mª do Carmen Calviño Iglesias, pintora nacida na Xesta no 1938, de familia de mestres e afincada dende nova na Coruña, onde desenvolve os seus estudos artísticos e realiza boa parte do seu traballo pictórico.
No caso das letras e da literatura, destaca Luz Pichel González. Naceu en Anseán un 10 de xuño de 1947. Logo de estudar Filoloxía en Compostela, a partir de 1970 esta poeta galega fixa a súa vida en Madrid, onde exerce como catedrática de Lingua e Literatura nun Instituto de Alcobendas. A súa obra foi colleitando sucesivos premios de recoñecido prestixio literario: o Esquío de Poesía no 2006, o Ciudad de Santa Cruz en 1990 e o Juan Ramón Jiménez en 2004. O binomio muller e letras, en Lalín, non é un acontecemento pasaxeiro. Novas xeracións, como a de Alba Payo Froiz, veñen “xuntando palabras» con notable éxito e calidade.
A fame ou a falta de expectativas empurrou a moitos galegos que, non tendo máis terra polo oeste, fixeron, mar por medio, das Américas a patria de acollida. Foi o caso de dúas case descoñecidas: Manuela Vázquez López e María Saladina Failde Rodríguez, naturais de Lalín, traballadoras no seo da Sociedade Hijos del Partido Judicial de Lalín en La Habana. Ambas traballaron arreo pola difusión da cultura e pola recuperación das tradicións galegas entre a colectividade residente en Cuba no pasado século. Na actualidade, poucos lalinense de primeira xeración quedan neste colectivo que segue mantendo o nome de Lalín na «illa bonita». Actualmente, outra muller xa nacida alí preside o colectivo: Icelda Tamayo.
A política democrática deixa un nome escrito nas hemerotecas do Parlamento Español, Lucita Villar Jar. Trátase da primeira e única muller que representou a comarca como Deputada en Cortes, foi vogal da Comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, vogal da Comisión Mixta de Relacións co Defensor del Pueblo e vogal da Comisión Mixta dos Dereitos da Muller. Máis aló de filias e fobias, ten un sitio na Historia pola exclusividade e relevancia das funcións desempeñadas. Naceu un 5 de setembro de 1941 en Lodeiro e foi concelleira de Lalín e deputada do Grupo Popular na sexta e sétima lexislatura, ata o 20 de xaneiro de 2004. Villar Jar foi e segue a ser unha convencida promotora do movemento asociativo feminino en Galicia, especialmente no relativo ó rural.
Hoxe as mulleres seguen a empurrar social e economicamente estas terras do interior. A universidade está chea de futuras catedráticas, investigadoras, escritoras e empresarias que inscribirán sen complexos o seu nome entre os fillos e fillas ilustres do Lalín do século XXI. Malia todo, cabe destacar que a presenza da muller na política lalinense segue a ser materia pendente, relegándoa a un segundo plano en funcións de apoio e xestión, materia á que pouco contribúen os actuais gobernantes, cun sistema político que pecha as portas a moitas ilustres, e porén descoñecidas, veciñas sobradamente preparadas.