Benito Varela Jácome

Share on facebook
Share on twitter

Benito Varela Jácome naceu o 6 de marzo de 1919 en Soutolongo, parroquia do municipio de Lalín. Foi un erudito, historiador de literatura e crítico literario. Fixo os seus estudos primarios e secundarios en Lalín e viviu os primeiros anos da súa xuventude en Barcia. Cursou o bacharelato en Pontevedra e a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, da que se licenciou en 1943. Pertenceu ao Sindicato Español Universitario (SEU) e desempeñou a súa xefatura na súa facultade. Dende 1960 foi catedrático de lingua e literatura españolas nos institutos de San Sebastián, A Coruña e Santiago de Compostela. Posteriormente, en 1977 exerceu como profesor na Universidade Complutense de Madrid, mais en 1980 trasladouse á Universidade de Santiago de Compostela (USC) para ser catedrático de literatura hispanoamericana. A súa xubilación chegou nove anos despois. En 1994 nomeárono Director da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da Universidade de Santiago e ese mesmo ano a Xunta de Galicia concedeulle la Medalla Castelao, en recoñecemento ao seu labor docente e investigador. Ademais, o Ministerio de Educación concedeulle a Encomenda da Orde de Alfonso X o Sabio.

 

Debido á súa actividade docente e investigadora en Literatura Hispanoamericana, foi presidente honorario da Asociación Española de Estudos Literarios Hispanoamericanos e produciu algúns libros e edicións esenciais no marco destes estudos. Por exemplo, as súas edicións do teatro de Juan Ruiz de Alarcón, da poesía de Gertrudis Gómez de Avellaneda, do Facundo de Sarmiento, de María de Jorge Isaacs, de Aves sin nido de Clorinda Matto de Turner, da prosa de José Martí. Como monografías destacan El cuento hispanoamericano contemporáneo (1976) e La novela hispanoamericana del siglo XIX, e outros traballos menos extensos como Estructuras novelísticas de Lezama Lima (1977), Estructuras profundas en Pedro Páramo (1980), Función de los modelos culturales en la novelística de Sábato (1983), e Tensiones españolas en la «Consagración de la primavera» (1986), ademais de traballos sobre Julio Cortázar, García Márquez, Vicente Huidobro ou Antonio Buero Vallejo.

 

Varela Jácome tamén dedicou parte da súa traxectoria á literatura galega, con estudos e edicións esenciais sobre Rosalía de Castro, Castelao ou Álvaro Cunqueiro. Na súa obra Singraduras da narrativa galega segue a evolución do relato galego dende finais do século XIX ata as últimas tendencias narrativas. En canto á literatura española, tamén fixo edicións e estudos sobre Espronceda, Larra, Clarín, Galdós, Valera, Valle-Inclán e Pío Baroja, entre outros. Ademais, publicou traballos en Cuadernos de Estudios Gallegos e foi crítico literario dos diarios Faro de Vigo e de La Noche de Santiago de Compostela.

 

Morreu o 21 de outubro de 2010 aos 91 anos de idade, tras dedicar toda a súa vida á docencia. Ademais de ser un gran escritor e investigador, cabe destacar que Varela Jácome reuniu un importante fondo bibliográfico sobre a novelística hispanoamericana do século XIX e cedeuno todo á Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes da Universidade de Alicante para a súa dixitalización porque dicía que era “unha boa forma de conservar este patrimonio”.

Sobre Lalín.net

lalin.net está dirigido por el editor de la página de Facebook homónimo, cuenta con secciones de Medioambiente, Cultura y Sociedad, Actualidad Local, Comarca, Deportes y OPINIÓN. Además de apartados divulgativos y de denuncia ciudadana. 

Podcast - Lalín e arredores

últimas entradas