A Real Academia Galega de Belas Artes e a Xunta de Galicia impulsan este 2022 a programación do Ano Laxeiro

Share on facebook
Share on twitter

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e a Xunta de Galicia homenaxearán ao longo de 2022 e, en especial, o Día das Artes Galegas (1 de abril) ao artista lalinense José Otero Abeledo, Laxeiro. Con este recoñecemento, a Real Academia pretende “profundizar e difundir a figura de Laxeiro, decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo”. A proposta foi subscrita por académicos e académicas e diversos colectivos culturais de Galicia, ademais de profesionais da cultura de dentro e fóra da comunidade.

 

A programación desta homenaxe profundizará no percorrido do artista a través de diversas propostas expositivas, académicas, audiovisuais e didácticas en certos puntos de Galicia e en Madrid e París. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou no acto de presentación do programa (no que tamén participaron o alcalde de Lalín, José Crespo; e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana) que serán propostas que farán posible acceder á obra do xenio lalinense dende múltiples linguaxes e plataformas. Deste xeito, será posible indagar naqueles aspectos da súa obra que son menos frecuentes, permitindo inaugurar novas investigacións sobre a súa produción. Manuel Quintana agradeceu a implicación das administracións públicas. Entre as propostas que está xestionando a entidade que preside destacou un proxecto relacionado cunha obra pintada por Laxeito nunha exposición súa en Santiago de Compostela no ano 1987, da que existe moito material gráfico. Pola súa parte, José Crespo destacou a coincidencia do Ano Laxeiro co 25 aniversario do falecemento do pintor.

 

O conselleiro de Cultura destacou a oportunidade de internacionalizar o legado dun artista lalinense universal, considerándoo un dos grandes renovadores da creación galega. Así, esta programación contribuirá a alimentar a proxección internacional do artista, pois a súa obra trascende dun ámbito territorial próximo. Aproveitando o Ano Laxeiro, a exposición “Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970)”, comiseriada por Carlos Bernárdez, recalará en Lalín, Santiago de Compostela, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid) e na embaixada de España en Francia. Baixo o título dunha destacada obra de Laxeiro dos anos 70, a exposición presentará unha nova ollada sobre a súa obra durante a súa estadía en Arxentina.

 

Ademais desta mostra, súmanse diferentes actividades como a celebración dun gran congreso en Santiago de Compostela no mes de xuño. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a referentes das artes plásticas e da investigación académica que abordarán a figura de Laxeiro. Pola súa parte, a Xunta de Galicia destecou que o Ano Laxeiro intentará promover o legado do artista entre os máis mozos. Así, producirase material didáctico que estará dispoñible para os centros educativos galegos, ademais de propostas no ámbito audiovisual para repasar o seu percorrido artístico e vital por Lalín, Vigo e Arxentina.

 

A Fundación Laxeiro, nacida co propósito de conservar e difundir a “Colección Permanente” que o artista de Lalín doou á cidade de Vigo, agradeceu a iniciativa á RAGBA e a todas as persoas e colectivos que se sumaron á mesma. Ademais, confirmou a vixencia da obra dun artista fundamental para a entrada da arte galega na contemporaneidade, como membro do grupo dos Renovadores e da Vangarda Histórica Galega. Ao longo da súa vida, Laxeiro conseguiu unha grande aprobación, sendo o artista galego máis universal do século pasado e e cuxa obra foi decisiva para difusión da arte da comunidade.

Sobre Lalín.net

lalin.net está dirigido por el editor de la página de Facebook homónimo, cuenta con secciones de Medioambiente, Cultura y Sociedad, Actualidad Local, Comarca, Deportes y OPINIÓN. Además de apartados divulgativos y de denuncia ciudadana. 

Podcast - Lalín e arredores

últimas entradas